A fraseoloxía a debate no Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía
Posted by trabalingua on 24/09/2006
Os máis relevantes investigadores internacionais sobre fraseoloxía déronse cita esta semana en Santiago e Lugo, no Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía organizado pola Universidade de Santiago.Nas xornadas de traballo celebráronse numerosos debates, relatorios e mesas redondas sobre fraseoloxía galega, pero tamén doutras linguas hispánicas, francés, inglés, alemán, ruso, chinés, árabe e outros. A recolleita de información, a investigación, a elaboración de dicionarios e a tradución foron as catro vertentes sobre as que se centraron os encontros, moi proveitosos para os fraseólogos galegos. O congreso serviu tamén de escaparate para dar a coñecer moitas das investigacións sobre fraseoloxía galega, que espertan cada vez maior interese por parte dos expertos.
Este encontro de investigadores fraseolóxicos foi tamén o marco utilizado para presentar unha nova entrega dos Cadernos de Fraseoloxía Galega, que xa van polo seu oitavo número, e que foron moi ben acollidos polos asistentes ao congreso. Os Cadernos de Fraseoloxía Galega ofrecen á luz pública as recolleitas de material fraseolóxico galego, pero nas súas páxinas teñen cabida tamén os traballos de expertos en fraseoloxía de diferentes países, publicados sempre en lingua galega.






