Simposio “A lexicografía galega do século XXI”
Posted by trabalingua on 31/10/2006
O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega organizan o simposio ‘A Lexicografía galega do século XXI’, que se vai celebrar na Facultade de Filoloxía ao longo do vindeiro mes de novembro. O encontro foi presentado en roda de prensa esta mañá polo decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González; os coordinadores do simposio, Xavier Varela e Antón Santamarina, e a directora do ILG, Rosario Álvarez.
O contido das conferencias pronunciadas, todas elas contribucións orixinais elaboradas por encargo expreso da organización, xirarán arredor de seis eixes temáticos como son cuestións de metodoloxía, historiografía da lexicografía, a contribución das novas tecnoloxías ao avance da disciplina, os proxectos e recursos lexicográficos centrados especificamente na lingua galega e noutras linguas e o labor lexicográfico das academias.
No desenvolvemento do programa científico do simposio participan especialistas e investigadores procedentes das tres universidades galegas e doutras institucións universitarias españolas e europeas, así como de centros de investigación como o Ramón Piñeiro, o Instituto CNR de Italia, a Real Academia Galega, a Academia das Ciencias de Portugal, a Real Academia Española, ou o Instituto de Estudos Cataláns.
Fonte: páxina web da USC






