I seminario de dinamización lingüística no ensino
Posted by trabalingua on 7/11/2006
As cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo acollen mañá a primeira das xornadas do I Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta actividade pretende ser un punto de partida para reorientar o labor dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e o papel do profesorado en xeral na tarefa da dinamización lingüística no ámbito educativo.
Este seminario é a primeira actividade da nova estratexia do Goberno galego coa que se pretende dotar aos profesionais do ensino das ferramentas necesarias para poder desenvolver unha tarefa normalizadora nos propios centros educativos e no seu contorno. De feito, a carencia de actividades deste tipo fixo que as previsións de matrícula se visen superadas e as 350 prazas iniciais foron amplamente superadas polo volume de inscricións rexistrado.
O seminario desenvolverase simultaneamente nas cinco cidades citadas, mentres que en Vigo e en Pontevedra as xornadas comezarán o vindeiro 22 de novembro. En todos os casos realizaranse en sesións de tarde, compatibles co horario laboral do profesorado, e nas sete cidades o programa é común e está orientado fundamentalmente ao debate e á aplicación, na práctica, das estratexias dinamizadoras.
Fonte: web da Xunta de Galicia






