O ILG presenta unha cartografía de apelidos galegos
Publicado por trabalingua on 21/11/2006
O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveu un proxecto que permite coñecer a distribución xeográfica en Galicia de máis de 25.000 apelidos mediante a súa representación cartográfica nun mapa de concellos. Trátase dunha ferramenta pioneira nos estudos onomásticos hispánicos, xa que aínda que se poden atopar webs semellantes referentes aos apelidos italianos, franceses ou ingleses, é a primeira vez que se fai tomando como base os dun territorio de España ou Portugal.
No traballo partiuse dos apelidos proporcionados polo Instituto Galego de Estatística pertencentes ao censo de poboación de 2001, que inclúe datos de 2.750.648 persoas.
A investigación, elaborada en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e coa a axuda do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) permite coñecer tamén a frecuencia dos apelidos.
O proxecto posibilítalles aos galegos a pescuda do mapa do seu apelido, fornecéndolle diversas informacións como os lugares onde é máis frecuente, o número deles por concello e no total de Galicia, así como eses mesmos datos de maneira proporcional.
Mediante a distribución actual dun apelido pódese saber de onde procede, cal é a vía de introdución dunha palabra, examinar as áreas de fenómenos fonéticos e morfolóxicos ou comprobar determinados fenómenos inmigratorios como os apelidos dos cataláns.
A ferramenta pódese consultar a través dunha aplicación accesible nunha páxina web (http://servergis.cesga.es/website/apelidos/viewer.asp).
Fonte: El Correo Gallego








