Curso: A constitución de equipos de traballo e grupos de participación
Posted by trabalingua on 5/02/2007
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza un novo curso de formación para os vindeiros xoves 15 e venres 16 de febreiro en horario de mañá e tarde. Levará por título “A constitución de equipos de traballo e grupos de participación”, terá unha duración de 16 horas e desenvolverase no seminario C da facultade de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Algúns dos obxectivos deste curso son promover, coordinar e aproveitar a capacidade de grupos de persoas interesadas na lingua para que funcionen como axentes normalizadores entre a cidadanía e conseguir que as persoas que participen no curso adquiran as capacidades básicas para planificar, constituír, xestionar e organizar equipos de traballo dun xeito efectivo para desenvolver proxectos normalizadores en equipo.
O curso será impartido polas empresas Cidadanía e Algalia e contará coa presentación dalgunhas experiencias baseadas en grupos de traballo e participación: as comisións de normalización lingüística da USC (Isabel Vaquero), a Rede de Entidades Amigas da Lingua (Conchi Cochón), a comisión de normalización lingüística da Federación Española de Centros Relixiosos de Ensinanza (Rubén Rivas), un equipo de normalización lingüística dun centro de ensino (Valentina Formoso).
Fonte: sitio web da CTNL






