O galego é o idioma cooficial menos valorado para acceder ao funcionariado de habilitación estatal
Posted by trabalingua on 12/03/2007
Para ser secretario municipal, interventor ou depositario en Cataluña é obrigado acreditar un coñecemento notable do catalán. En Baleares e Valencia tamén puntúa a lingua propia, mentres no País Vasco é indispensable dominar o éuscaro. O galego, en cambio, non computa como mérito nas prazas de habilitación nacional publicadas por Administracións Públicas para os concellos.
Os municipios de Azpeitia, Basauri, Durango ou Mondragón, todos eles no País Vasco, son algúns dos que sacaron vacantes a concurso para dotarse de secretario ou interventor, segundo unha resolución ditada o 18 de maio do 2006 polo Ministerio de Administracións Públicas. Para concursar en todos eles era imprescindible acreditar o dominio do éuscaro e un coñecemento das leis propias, como o Estatuto, o réxime foral ou o concerto económico vasco.
A mesma resolución do Estado detalla os méritos que se valorarán para as vacantes en Galicia, entre os que figura o coñecemento da organización territorial, as leis propias, cursos, publicacións e experiencia docente, pero nada sobre a conveniencia de saber galego, o que facilita que titulados doutras comunidades poidan concursar en Galicia, mentres que os galegos tópanse de entrada coa barreira do idioma en Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, xa que nas dúas últimas a lingua propia tamén puntúa como un mérito.
Fonte: La Voz de Galicia






