O Parlamento aproba unha proposición non de lei para a normalización da Administración local
Posted by trabalingua on 14/05/2007
Os tres grupos parlamentarios aprobaron o pasado 9 de maio por unanimidade unha proposición non de lei para cumprir o establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega na Administración local. Segundo o texto desta proposición, “O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a adoptar as accións precisas para que no prazo máis breve posible se cumpra o Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito da Administración local”.
Entre as medidas propostas para esta administración destacan: garantir a denominación oficial dos topónimos; establecer o galego como lingua vehicular en todas as comunicacións; a formación lingüística do funcionariado; a oferta positiva en galego na atención á cidadanía; facer que os cargos públicos fagan uso oral e escrito do galego no desempeño da súa responsabilidade pública; ou a coordinación dos departamentos técnicos de normalización lingüística.






