A campaña “Xeración E logo!” pretende recuperar a transmisión familiar da lingua
Posted by trabalingua on 29/05/2007
Recuperar a transmisión familiar da lingua galega entre pais/nais e os seus fillos e fillas. Con este obxectivo ponse en marcha a partir de hoxe mesmo a Xeración E logo!, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística encadrada na súa campaña xeral de promoción da lingua galega.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe en Santiago esta actuación, que consiste na entrega, a todas as mulleres en estado de xestación en Galicia, dunha serie de ferramentas dirixidas tanto a elas como aos futuros pais, con información, consellos, un pequeno caderno do embarazo, recitativos para o bebé e un disco con cantos de berce interpretados por músicos galegos. Prevese que os materiais cheguen a máis de 15.000 familias.
O Servizo Galego de Saúde será a canle de distribución destes materiais, a través da súa rede hospitalaria e dos centros de atención primaria de toda a comunidade nos que se realizan os controis prenatais. Tamén están incluídos na campaña, como distribuidores, os centros hospitalarios privados, para as mulleres que teñan neles os seus fillos. A corresponsabilidade da Consellería de Sanidade nesta iniciativa é fundamental para garantir que a mensaxe chegue aos destinatarios, e exemplifica a acción transversal da política lingüística do Goberno galego.
Os materiais desta campaña están dispoñibles para a descarga na páxina http://www.galegoelogo.com/
Fonte: web de Política Lingüística






