Preséntase o novo corrector gramatical “Golfiño”
Posted by trabalingua on 2/07/2007
A Consellaría de Innovación e Industria presentou este venres o corrector gramatical para o galego Golfiño. Deste xeito o galego convértese na primeira lingua do estado que conta con esta ferramenta. Ademais, só seis linguas no mundo dispoñen dun software destas características.
O corrector gramatical Golfiño completa as aplicacións lingüísticas do paquete ofimático OpenOffice.org e permítelle ao seu procesador de textos detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia, entre outras funcionalidades.
O Golfiño é unha versión que ser poñerá a disposición da comunidade científica para a súa continua mellora no espazo de desenvolvemento colaborativo de sofware libre do proxecto Mancomun.org, denominado A Forxa. Axústase á última modificación da normativa da lingua galega do ano 2003 e segue como obra de referencia en cuestións gramaticais Gramática da Lingua Galega, de Rosario Álvarez e Xosé Xove.
O Golfiño corrixe erros gramaticais e de estilo frecuentes nos escritos en galego como os provocados polo cambio de norma, os de rexencia verbal, os de concordancia de xénero e número, os de confusión ortográfica con detección gramatical, as malas construcións de perífrases verbais ou as preposicións non admitidas polo verbo. Ademais, pode detectar nalgúns casos erros de contracción, da posición dos pronomes enclíticos e mais erros de concordancia nominal e verbal.






