Créase o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais
Posted by trabalingua on 23/07/2007
O Ministerio de Administracións Públicas publica no BOE do 19 de xullo de 2007 o Real decreto 905/2007, do 6 de xullo, polo que se crean o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais.
O Consello das Linguas Oficiais terá encomendadas as seguintes tarefas:
1 Analizar sistematicamente as actuacións levadas a cabo polos diferentes departamentos ministeriais, especialmente polos máis directamente concernidos pola obriga de garantir o dereito de uso das linguas oficiais das comunidades autónomas.
2 Impulsar unha política idónea en relación coas linguas oficiais das comunidades autónomas que garanta axeitadamente o dereito de uso daquelas no ámbito de actuación da Administración Xeral do Estado.
3 Coordinar as actuacións dos departamentos ministeriais en relación co uso, no seu ámbito, das linguas oficiais das comunidades autónomas.
Para facilitar a actuación do Consello e como órgano permanente de apoio e asistencia a este, tamén se creará unha Oficina para as Linguas Oficiais, adscrita á Secretaría de Estado de Cooperación Territorial.






