TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Política Lingüística e a RAG asinan tres convenios de colaboración

Posted by trabalingua o 13/09/2006

Marisol López e Xosé Ramón Barreiro.jpgA secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Barreiro, asinaron onte tres convenios de colaboración para o mantemento do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega, para lles dar continuidade aos estudos de sociolingüística e para desenvolver traballos de lexicografía e gramática galega.Entre as actuacións previstas nestes convenios destacan as relativas á actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, unha completa visión da realidade lingüística galega realizada hai máis dunha década. O Seminario de Sociolingüística da RAG analizará os novos datos recompilados ao longo de 2004 para comparalos cos anteriores e ofrecer información sobre a evolución da lingua galega nos distintos sectores sociais de Galicia. Para estes traballos o departamento de Política Lingüística da Xunta de Galicia destina unha partida de 76.800 euros.

Outro dos convenios, relativo aos traballos de lexicografía que realiza a Sección de Lingua da RAG, prevé a nova edición do Dicionario da Real Academia Galega, que terá un mínimo de 40.000 entradas e que sairá do prelo o ano que vén. Para estes traballos destínanse, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 127.400 euros.

No que se refire ao Servizo de Terminoloxía, coñecido como Termigal, o acordo entre Política Lingüística e a Academia prevé a conclusión, neste ano, dos vocabularios de márketing, de fútbol e do automóbil, para fomentar o uso do galego como lingua de especialidade. Ademais, o servizo seguirá atendendo e resolvendo consultas sobre terminoloxía. O acordo está dotado cunha partida económica de 76.800 euros.

Transición cara a un novo modelo
Tras a sinatura dos convenios, a responsable de Política Lingüística, Marisol López, sinalou que “a estratexia de colaboración que asinamos hoxe supón unha transición cara a un novo modelo de traballo común” e engadiu que “neste momento está practicamente ultimado o documento de constitución dun consorcio do Termigal que se encargará de fixar a terminoloxía da nosa lingua e que terá unha maior autonomía no seu funcionamento”. Neste consorcio prevese que estean integrados, ademais de Política Lingüística e a RAG, as universidades galegas.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, expresou a súa satisfacción pola sinatura destes convenios, e explicou que a razón de ser da academia é a lingua. “O 80 por cento do orzamento da institución oriéntase á lingua”, indicou.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Sorry, the comment form is closed at this time.