O Instituto Cervantes de Madrid incluirá o galego na súa oferta formativa da Casa das Linguas
Posted by trabalingua o 18/09/2006
O Instituto Cervantes comezará a impartir clases de lingua galega en Madrid durante o vindeiro mes de outubro, grazas ao proxecto no que participan o propio Instituto, a Universidade de Alcalá de Henares e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.Esta iniciativa, na que tamén participan organismos responsables da promoción das outras linguas oficiais de España e de Portugal, denomínase Casa das Linguas, un centro que nace coa finalidade de ensinar e propiciar a aprendizaxe das linguas de España e de Portugal, a través do deseño dunha serie de actuacións para a promoción das mesmas.
A oferta de lingua galega neste centro consiste na realización de cursos de iniciación e perfeccionamento, que terán unha duración de 60 horas lectivas cada un deles. A partir do 15 de outubro iniciaranse as clases, que terán dúas sesións semanais en horarios accesibles e compatibles coa xornada laboral.
Os interesados en cursar estes estudos poden recoller o impreso de solicitude no Instituto Cervantes, na rúa Lope de Vega de Madrid.
Esta nova oferta promovida dende Política Lingüística únese a outras iniciativas para a aprendizaxe do galego en Madrid, como os cursos que xa se imparten na Casa de Galicia e na Escola Oficial de Idiomas “Jesús Maestro”.
Fonte: web da Xunta de Galicia
Sorry, the comment form is closed at this time.