O servizo de tradución automática do Instituto Cervantes incorpora o galego
Posted by trabalingua o 27/09/2006
Porque “a difusión e a promoción da lingua non se consegue só a través do ensino” senón que “hai que crear ferramentas cara á sociedade da información”, o director do Instituto Cervantes, César Antonio Molina acaba de presentar xunto á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, un novo servizo que permite a tradución gratuíta de textos e webs do español ó galego e viceversa no enderezo http://oesi.cervantes.es/traduccionAutomatica.html
“A supervivencia dunha lingua está na fenda dixital” afirmou o director do Cervantes durante a súa intervención onte no Clube Internacional de Prensa de Compostela, onde presentou este novo servizo, que realiza 200.000 traducións ó mes no Instituto. Así mesmo Marisol López, quen colabora dende Política Lingüística con este proxecto, adiantou as perspectivas de futuro para este tradutor que “dende hai uns meses xa empregamos” na Administración e que “queremos distribuír entre distintas entidades galegas”. A secretaria xeral tamén confirmou, que tras asinar hai uns meses un protocolo de colaboración co Instituto Cervantes para promover o coñecemento da lingua, disporánselle “uns fondos bibliográficos básicos” cos que o convenio “continúe dando os seus froitos” afirmou.
Na rolda de prensa, tamén estivo presente Juan Pedro Basterrechea, responsable de Relacións Institucionais do Instituto Cervantes, que considerou que a misión do centro que é “a promoción e a difusión de todas as linguas cooficiais do Estado” non é “suficiente” xa que as linguas “teñen que estar presentes nesta era da información”, de aí “a importancia deste servizo que se acaba de pór en marcha”. Sobre este programa de traducción automática, Basterrechea subliñou que “o seu resultado será moito mellor, en 24 horas actúase para corrixir os seus erros”.
Fonte: Galicia Hoxe
Sorry, the comment form is closed at this time.