O Tribunal Supremo ratifica noutra sentenza o topónimo “A Coruña” como única forma oficial
Posted by trabalingua o 10/10/2006
Catorce anos despois do incio da batalla, o Tribunal Supremo notificoulle ao concello herculino unha nova sentenza -a enésima- ratificando o topónimo “A Coruña” como “unica forma oficial” para denominar a cidade.
O actual alcalde da urbe, Javier Losada, herda así o litixio que empezara o seu antecesor, Francisco Vázquez, por conservar o “L” no topónimo. O seu principal fustigador neste asunto, a Mesa pola Normalización Lingüística que preside Carlos Callón, informou onte nun comunicado desta sentenza.
Lembra o colectivo de defensa da lingua que este ditado xudicial está motivado por un recurso do Goberno municipal coruñés no que “no só solicitaba que non fose recoñecida a forma A Coruña como a oficial a todos os efectos, senón que pretendía que se tirase abaixo a Lei de normalización lingüística a través dunha cuestión de inconstitucionalidade”. Para Callón, agora, “hai dúas voces que a cidadanía debe escoitar despois desta nova sentenza xudicial: a de Javier Losada, e a do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño”.
Considera así mesmo que o rexedor herculino ten ante si “a oportunidade de ouro para demostrar se vai manterse como unha fotocopia de Vázquez ou se van cumprir as leis”. A Touriño, pola súa banda, acusouno de manter unha “actitude indolente, cando non cómplice” durante o mandato de Vázquez, polo que agora, dixo, “debe lembrar que é presidente da Xunta e que, como tal, ten obrigas, e non pode ser defensor de delincuentes, malia que sexan do seu mesmo partido político”. Ademais, a Mesa pola Normalización Lingüístia instou o concello coruñés para ofrecer datos “veraces” sobre os gastos “reais” que lle está a ocasionar ás arcas municipais esta “loita obsesiva contra o galego e as leis”.
Ao longo destes anos, todas as sentenzas xudiciais defenderon a forma “A Coruña” como única oficial válida, motivo polo cal Carlos Callón entende que Javier Losada ten agora dúas opcións: “ou acatar as sentenzas xudiciais ou continuar a mal- gastar diñeiro público en recorrer o que xa sabe que ten perdido, nunha irracional batalla contra a lingua galega”.
Fonte: Galicia Hoxe
Sorry, the comment form is closed at this time.