O ensino non regrado do galego constará de cinco niveis
Posted by trabalingua o 7/12/2006
A certificación do coñecemento da lingua galega fóra do sistema educativo regrado vai depender dunha proba que acreditará un determinado nivel de cinco posibles. A partir do outono do 2007 a Xunta prevé implantar o sistema que desterrará os actuais certificados de iniciación e perfeccionamento.
Un dos cambios máis relevantes afectará, de acordo coa Consellería da Presidencia, ás probas de acceso á función pública, para as que fixarán diferentes niveis de competencia a teor dos perfís das prazas ou postos que se teñan que cubrir.
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou a publicación Niveis de competencia en lingua galega , unha guía que describe as habilidades e contidos que van requirir en cada un dos niveis. Este documento foi elaborado polo equipo do Centro Ramón Piñeiro que traballa no Proxecto para a avaliación e a aprendizaxe de galego , posto en marcha a partir de que a Xunta decidiu modificar as probas de coñecemento de lingua galega para adaptalas aos niveis de competencia fixados polo Consello de Europa no marco europeo común de referencia para as linguas.
A publicación é un guión dos contidos que se requerirán en cada nivel deste novo sistema, o Celga (certificado en lingua galega). Editaron cinco mil exemplares para distribuílos entre o profesorado de lingua, universidades, lectorados e bibliotecas.
Fonte: La Voz de Galicia
Sorry, the comment form is closed at this time.