O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo
Posted by trabalingua o 29/06/2007
O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Esta nova normativa está orientada á obtención dunha competencia axeitada do galego no ensino obrigatorio, co fin de propiciar a igualdade plena e efectiva entre as dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma por parte de toda a poboación escolar, e garantir igualmente a mesma competencia en ambas as dúas linguas. Este decreto desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).
Os puntos máis salientables deste decreto son:
-
A normativa pola que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo garante a plena competencia lingüística propia do nivel educativo en ambas as dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma.
-
En primaria, ESO e bacharelato o alumnado recibirá, como mínimo, o cincuenta por cento da docencia en galego.
-
Na etapa de educación infantil o profesorado usará a lingua materna predominante entre o alumnado.
-
Será de aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na LOE.
-
Os centros elaborarán o seu propio proxecto lingüístico, no que farán constar as medidas de apoio co fin de acadar o obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística e na LOE no que afecta o fomento do plurilingüismo.
-
Educación e Política Lingüística desenvolverán un plan de formación que garanta que todo o persoal dos centros educativos teña unha competencia oral e escrita suficiente para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
Sorry, the comment form is closed at this time.