A Dirección Xeral de Tráfico corrixirá a toponimia galega
Posted by trabalingua o 3/08/2007
A Dirección Xeral de Tráfico anuncia que vai revisar toda a toponimia incorrecta da súa páxina web e así incluír a nomenclatura oficial en galego.
Piedrafita, Viana del Bollo, Orense ou Sangenjo. Iso foi o que se encontraron o pasado xaneiro os galegos que consultaban as incidencias do tráfico na páxina web da DXT. E iso foi o que denunciou, indignado, o deputado en Madrid polo BNG Francisco Rodríguez. Sete meses máis tarde, a Dirección Xeral de Tráfico decidiu acatar por fin a lei e traballar nunha nova páxina web «que incluirá a nomenclatura en galego». Nomenclatura que, por certo, é a única forma oficial desde que o Parlamento galego a aprobase en 1983 e o Congreso dos Deputados en 1998.
Ante semellantes traducións, que recordaban os tempos de El Niño de la Guía por Niñodaguia, Francisco Rodríguez presentou unha pregunta parlamentaria ante a Mesa do Congreso, esixindo unha resposta por escrito. Pero a resposta foi que non había resposta. As fontes consultadas unicamente podían argumentar que na sede de Tráfico en Madrid só había persoal de garda polas posibles incidencias nas estradas.
O Instituto Xeográfico Nacional tamén utiliza formas incorrectas da nosa toponimia, como El Irijo. Francisco Jorquera, senador nacionalista cualifica este caso como «esperpéntico, porque ata custa traballo identificar o topónimo real. Se lle pedísemos aos ourensáns que localizasen ”El Irijo” no mapa, coido que moitos non saberían do que lles falan». Ao Irixo (a forma oficial) acompáñano Ginzo de Limia, Rianjo, Arteijo, Mellid ou Puerto del Son.
Ata Google Earth utilizaba topónimos non oficiais como El Ferrol del Caudillo, Santa Eugenia ou Puebla del Caramiñal. Estes erros si os observan millóns de persoas, que poderían consideralos como correctos, algo «perigoso».
Fonte: La Voz de Galicia
Sorry, the comment form is closed at this time.