A campaña “Avogamos polo galego” buscará incrementar o uso do idioma propio de Galicia por parte da avogacía de Compostela
Posted by trabalingua o 10/11/2007
O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación da primeira campaña de promoción da nosa lingua que se organiza desde a avogacía institucional. A campaña “Avogamos polo galego” presentouse no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela con grande éxito de asistencia de profesionais da lingua e do dereito e foi acompañada da celebración dunha xornada de reflexión sobre o uso da nosa lingua no ámbito xurídico.
Nun acto previo, que contou co práctico pleno do aforo do local, o decano do propio colexio, Evaristo Nogueira Pol, xunto coa secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez presentaron os materiais cos que vai contar esta campaña. Ambos os dous destacaron, principalmente, a importancia de contribuír á xusta normalización do idioma no ámbito da avogacía e á necesidade de ofrecer mediante as políticas adaptadas ao sector, os medios necesarios para poder acadar este reto.
Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza. Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner que a partir de hoxe vai aparecer na páxina web do colexio e que ademais todos os letrados e letradas poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos espazos vinculados á xustiza na cidade compostelá, como aos despachos, aos xulgados e á Escola de Práctica Xurídica, entre outros.
Os dous actos, que forman parte do programa de dinamización lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por parte da avogacía de Compostela.
Fonte: Avogacia.org
Sorry, the comment form is closed at this time.