Convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua
Posted by trabalingua o 11/01/2008
A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública unha nova convocatoria de axudas ás entidades privadas sen fin de lucro, que desenvolvan actividades destinadas a incrementar o uso social do galego.
A familia, a infancia, a mocidade e o lecer son ámbitos de actuación prioritarios á hora da concesión destas axudas. Reforzar e incrementar a transmisión xeracional do galego, ampliar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer, vincular a utilización da lingua con ámbitos de prestixio e modernidade, fomentar o uso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación ou traballar as actitudes positivas cara á lingua galega son algúns dos obxectivos desta convocatoria de subvencións, que se recollen, ademais, no Plan xeral de normalización da lingua galega.
Cada entidade poderá presentar un único proxecto e o prazo para a recepción de solicitudes estará aberto ata o 5 de febreiro. Política Lingüística destina unha contía máxima inicial de 850.000 euros.
Ver máis información no DOG do 4 de xaneiro de 2008
Fonte: web de Política Lingüística
Sorry, the comment form is closed at this time.