Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008
Posted by trabalingua o 20/02/2008
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega, con carácter gratuíto, preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan para este ano un total de 366 cursos.
A convocatoria está dirixida a particulares e tamén a colectivos, entidades ou asociacións que desexen organizar cursos e conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas. O profesor no momento de iniciar o curso valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine Política Lingüística, en función das solicitudes presentadas e da distribución xeográfica destas.
A duración de cada curso será de 75 horas lectivas. Para poder obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar, entre maio e xuño e novembro e decembro, as probas correspondentes, segundo se fixo público no Diario Oficial de Galicia do día 18 de febreiro.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina unha contía máxima de 1.200. 000 euros para o financiamento destes cursos. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 20 de marzo.
Convocatoria de probas
As persoas interesadas en participar na convocatoria de probas prevista para os meses de maio e xuño teñen de prazo ata o 25 de marzo para inscribirse. A segunda convocatoria realizarase entre os meses de novembro e decembro. O prazo de inscrición para os que se examinen nesta quenda rematará o 19 de setembro. As solicitudes, datas e lugares de realización das probas figuran na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Fonte: web de Política Lingüística
Sorry, the comment form is closed at this time.