TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Archive for the ‘Ensino’ Category

Convocatoria de cursos preparatorios para obter os celga no 2009

Posted by trabalingua o 3/12/2008

celga.jpg

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública unha nova convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, dirixidos a particulares (adultos) e a colectivos de Galicia, durante o ano 2009.

 

A convocatoria inclúe un total de 250 cursos de lingua galega, con carácter voluntario e gratuíto. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por bisbarras.

 

 

                                                    Cursos ofertados                    Solicitude individual                    Solicitude colectivo

 

Advertisement

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en Convocatoria de cursos preparatorios para obter os celga no 2009

Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

Posted by trabalingua o 5/05/2008

A Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo lanzaron a campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis, coa que se pretende explicar as vantaxes do plurilingüismo na educación e, no marco desta iniciativa, profesores/as de sociolingüística ofrecerán charlas divulgativas en centros de ensino primario e secundario, para docentes, para asociacións de pais e nais, ou para estudantes.

Como materiais informativos realizouse un sitio web: http://webs.uvigo.es/plurilinguismo/; o caderno As linguas no sistema educativo, o novo Decreto 124/2007; trípticos; carteis, etc.

A esta campaña pode sumarse calquera entidade, organización, etc., que o desexe, e pode facelo a través do web.

Nos materiais da campaña explícase en que consiste o ensino plurilingüe, as vantaxes da educación plurilingüe, o decreto 124/2007, os seus beneficios, etc.

Desde o web ofrécese a posibilidade de descargar carteis e trípticos para que as institucións que se adhiran á campaña poidan usalos incorporando os seus propios distintivos.

Fonte: CTNL

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Posted by trabalingua o 20/02/2008

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega, con carácter gratuíto, preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan para este ano un total de 366 cursos.

A convocatoria está dirixida a particulares e tamén a colectivos, entidades ou asociacións que desexen organizar cursos e conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas. O profesor no momento de iniciar o curso valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine Política Lingüística, en función das solicitudes presentadas e da distribución xeográfica destas.

A duración de cada curso será de 75 horas lectivas. Para poder obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar, entre maio e xuño e novembro e decembro, as probas correspondentes, segundo se fixo público no Diario Oficial de Galicia do día 18 de febreiro.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina unha contía máxima de 1.200. 000 euros para o financiamento destes cursos. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 20 de marzo.

Convocatoria de probas
As persoas interesadas en participar na convocatoria de probas prevista para os meses de maio e xuño teñen de prazo ata o 25 de marzo para inscribirse. A segunda convocatoria realizarase entre os meses de novembro e decembro. O prazo de inscrición para os que se examinen nesta quenda rematará o 19 de setembro. As solicitudes, datas e lugares de realización das probas figuran na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Cursos e xornadas, Ensino | Comentarios desactivados en Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Posted by trabalingua o 9/11/2007

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as primeiras probas oficiais para a obtención dos novos Certificados de Lingua Galega —Celga— nos niveis 1 e 4. Logo da entrada en vigor, o pasado 1 de setembro, deste novo sistema, no mes de decembro realizaranse os primeiros exames, correspondentes ao Celga 1 e ao Celga 4.

O prazo de inscrición para a proba do Celga 1 estará aberto ata o 16 de novembro, e o exame realizarase o 1 de decembro, a partir das nove da mañá. O prazo de inscrición para a proba do Celga 4 pecharase o 28 de novembro, e a data do exame é o 15 de decembro, tamén a partir das nove da mañá.

As probas realizaranse na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, e as persoas que formalicen a inscrición deberán indicar a localidade na que se van presentar. Os lugares concretos de realización dos exames indicaranse cando se fagan públicas as listas de admitidos e admitidas.

Información sobre os Celga

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Publícase a orde pola que se regulan os certificados dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga)

Posted by trabalingua o 30/07/2007

celga.jpgA Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica no DOG do 30 de xullo a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). 

Esta orde esixe modificar a clasificación de niveis de coñecemento de lingua galega previstos na anterior orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 1 de abril de 2005 (DOG núm. 71, do 14 de abril) no tocante aos cursos de galego oral, iniciación e perfeccionamento e establecer un novo sistema de validacións entre os estudos regrados e as novas certificacións de niveis de coñecemento que se regulan nesta orde.

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en Publícase a orde pola que se regulan os certificados dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga)

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo

Posted by trabalingua o 29/06/2007

aprendergalego.jpgO Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Esta nova normativa está orientada á obtención dunha competencia axeitada do galego no ensino obrigatorio, co fin de propiciar a igualdade plena e efectiva entre as dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma por parte de toda a poboación escolar, e garantir igualmente a mesma competencia en ambas as dúas linguas. Este decreto desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Os puntos máis salientables deste decreto son: 

  • A normativa pola que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo garante a plena competencia lingüística propia do nivel educativo en ambas as dúas linguas oficiais na Comunidade Autónoma.

  • En primaria, ESO e bacharelato o alumnado recibirá, como mínimo, o cincuenta por cento da docencia en galego.

  • Na etapa de educación infantil o profesorado usará a lingua materna predominante entre o alumnado.

  • Será de aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na LOE.

  • Os centros elaborarán o seu propio proxecto lingüístico, no que farán constar as medidas de apoio co fin de acadar o obxectivo xeral establecido na Lei de normalización lingüística e na LOE no que afecta o fomento do plurilingüismo.

  • Educación e Política Lingüística desenvolverán un plan de formación que garanta que todo o persoal dos centros educativos teña unha competencia oral e escrita suficiente para desenvolver a súa actividade profesional en galego.

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo

O novo decreto do ensino garantirá o 50% das materias en galego

Posted by trabalingua o 3/03/2007

competencias-linguisticas.jpgA conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, logrou o apoio do BNG e do PPdeG para sacar adiante o novo decreto do galego no ensino non universitario. A nova normativa substituirá a que está vixente na actualidade e que data de 1995. Se ata agora o mínimo espazo estipulado para a lingua do país era a dun terzo das materias, agora garántese, como mínimo, o 50%.

O acordo foi difícil debido ás fortes diverxencias iniciais do modelo a seguir. As diferenzas incluso estiveron a piques de impedir que houbese novo decreto no vindeiro curso. Fontes consultadas por Vieiros sinalan que a nova normativa pode estar publicada xa o vindeiro mes de marzo. Logo comezará un intenso traballo para a súa difusión entre a comunidade educativa.

Porén, a principal novidade é que todos os partidos recoñeceron nas conversas que nin sequera se cumpriron os mínimos do anterior decreto. Por iso, esta nova normativa fará un seguimento especial para lograr que os mínimos do novo decreto se cumpran en todos os centros educativos.

O modelo lingüístico actual é o menos ambicioso de todo o Estado

En Euskadi aplícanse tres modelos de ensino (A,B,C). No primeiro deles todas as materias se imparten en castelán agás a de éuscaro. No segundo contémplase unha fórmula mixta onde os dous idiomas oficiais teñen a mesma presenza. Por último, o modelo C garante unha educación con todas as aulas en éuscaro agás a materia obrigada de castelán. O goberno vasco aplica os modelos tendo en conta a vontade dos pais e titores e mais a situación sociolingüística da bisbarra onde está o centro. Na actualidade, Educación estuda un novo modelo que dea novos pasos na normalización do éuscaro. Unha das medidas que se avalía é a de eliminar progresivamente o modelo A e manter o B e o C.

Cataluña é un exemplo na normalización do idioma propio no ensino non universitario. Dende a década dos 80 só existe un modelo para a educación pública, obrigatorio: todas as materias impártense en catalán agás as de lingua castelá e estranxeira.

Fonte: Vieiros

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O novo decreto do ensino garantirá o 50% das materias en galego

O ensino non regrado do galego constará de cinco niveis

Posted by trabalingua o 7/12/2006

A certificación do coñecemento da lingua galega fóra do sistema educativo regrado vai depender dunha proba que acreditará un determinado nivel de cinco posibles. A partir do outono do 2007 a Xunta prevé implantar o sistema que desterrará os actuais certificados de iniciación e perfeccionamento.

Un dos cambios máis relevantes afectará, de acordo coa Consellería da Presidencia, ás probas de acceso á función pública, para as que fixarán diferentes niveis de competencia a teor dos perfís das prazas ou postos que se teñan que cubrir.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou a publicación Niveis de competencia en lingua galega , unha guía que describe as habilidades e contidos que van requirir en cada un dos niveis. Este documento foi elaborado polo equipo do Centro Ramón Piñeiro que traballa no Proxecto para a avaliación e a aprendizaxe de galego , posto en marcha a partir de que a Xunta decidiu modificar as probas de coñecemento de lingua galega para adaptalas aos niveis de competencia fixados polo Consello de Europa no marco europeo común de referencia para as linguas.

A publicación é un guión dos contidos que se requerirán en cada nivel deste novo sistema, o Celga (certificado en lingua galega). Editaron cinco mil exemplares para distribuílos entre o profesorado de lingua, universidades, lectorados e bibliotecas.

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O ensino non regrado do galego constará de cinco niveis

O Instituto Cervantes de Madrid incluirá o galego na súa oferta formativa da Casa das Linguas

Posted by trabalingua o 18/09/2006

O Instituto Cervantes comezará a impartir clases de lingua galega en Madrid durante o vindeiro mes de outubro, grazas ao proxecto no que participan o propio Instituto, a Universidade de Alcalá de Henares e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.Esta iniciativa, na que tamén participan organismos responsables da promoción das outras linguas oficiais de España e de Portugal, denomínase Casa das Linguas, un centro que nace coa finalidade de ensinar e propiciar a aprendizaxe das linguas de España e de Portugal, a través do deseño dunha serie de actuacións para a promoción das mesmas.

A oferta de lingua galega neste centro consiste na realización de cursos de iniciación e perfeccionamento, que terán unha duración de 60 horas lectivas cada un deles. A partir do 15 de outubro iniciaranse as clases, que terán dúas sesións semanais en horarios accesibles e compatibles coa xornada laboral.

Os interesados en cursar estes estudos poden recoller o impreso de solicitude no Instituto Cervantes, na rúa Lope de Vega de Madrid.

Esta nova oferta promovida dende Política Lingüística únese a outras iniciativas para a aprendizaxe do galego en Madrid, como os cursos que xa se imparten na Casa de Galicia e na Escola Oficial de Idiomas “Jesús Maestro”.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O Instituto Cervantes de Madrid incluirá o galego na súa oferta formativa da Casa das Linguas

Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Posted by trabalingua o 31/08/2006

Galicia e Castela e León colaborarán para reforzar o ensino da lingua galega no Bierzo e en Sanabria, polo que a Xunta se compromete a formar o profesorado e a ceder materiais didácticos, mentres que a Xunta castelán-leonesa concederá a autorización para impartir a materia nos centros docentes non universitarios que o soliciten e dotará de persoal os mesmos.

Así o recolle un protocolo de colaboración para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes do Bierzo e de Sanabria subscrito onte en Ponferrada entre a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o seu homólogo da Xunta, Javier Álvarez Guisasola; e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Ensino, Novidades | Comentarios desactivados en Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego

Posted by trabalingua o 30/08/2006

Dezaseis colexios públicos participarán o vindeiro curso nun programa de potenciación do ensino en lingua galega en Educación Infantil, promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegará a arredor de oitocentos nenos de entre tres e cinco anos.

Estes centros teñen cando menos dous grupos por curso, nun dos cales implantarase o ensino en galego. Para iso contan co acordo do claustro e do consello escolar. Ademais, cada pai decide no momento da matrícula en que clase quere escolarizar o seu fillo.

A normativa actual indica que os mestres han de dirixirse aos seus alumnos na súa lingua materna, así como impartir as clases no idioma maioritario do grupo, polo que en moitos centros xa se están impartindo clases en galego.

Con este proxecto, que podería ampliarse a máis colexios o vindeiro curso, preténdese fomentar o uso do galego nos centros educativos situados en zonas urbanas ou periurbanas, xa que é no rural onde predomina un maoor uso deste idioma na docencia, segundo indicou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quen presentou onte o proxecto aos medios.

Os centros educativos participantes recibirán da Consellería de Educación apoio para os docentes implicados a través dos centros de Formación do Profesorado, que proporcionarán asesoramento para a elaboración dos seus proxectos específicos e para o seu desenvolvemento. Ademais, Educación e Política Lingüística subministrarán aos centros materiais e recursos en lingua galega, e difundirán os materiais educativos producidos e as experiencias a través da Rede.

Fonte: El Correo Gallego

Posted in Ensino, Normalización, Novidades | Comentarios desactivados en Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego