Archive for the ‘Normalización’ Category
Posted by trabalingua o 26/03/2009
O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, presenta a terceira edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico. A principal novidade na edición deste ano é a inclusión dunha nova categoría que premiará as mellores cancións en galego con temática amorosa.
Toda a información canto ás bases, premios ou participación neste concurso pode ser consultada na páxina web linguadeamor.eu, onde ademais se poderán ir vendo os traballos presentados nesta edición e nas anteriores.
A data límite para enviar tanto as declaracións coma as cancións é o vindeiro 10 de maio.
Fonte: Linguadeamor.eu
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en III edición Lingua de Amor
Posted by trabalingua o 26/12/2008
O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e da Área de Medio Ambiente, elaborou a guía O noso Nadal, galego e verde, que ten por obxectivo principal promover entre a cidadanía un Nadal en galego e un Nadal verde.
A guía consta de dúas partes diferenciadas: a guía de galego e a guía verde. Na guía de galego é onde se ofrece información para vivir un Nadal integramente en galego e recuperar tradicións que se están a perder ou son descoñecidas entre a poboación xuvenil, como poden ser os cantares de Nadal ou algunhas receitas típicas galegas propias desta época. Por outra banda, tamén se dan algunhas suxestións para agasallar literatura, música ou novas tecnoloxías en galego.
Ademais a guía recolle cinco contos de Nadal, creados especialmente para esta ocasión por Anxos Sumai, Francisco Castro, Santiago Jaureguizar, Tamara Canosa e Victoria Rozados. Tamén se recollen dous contos tradicionais de H. C. Andersen: O Abeto e A nena dos mistos.
A guía distribuíuse de balde o domingo 21 de decembro xunto co xornal Galicia Hoxe, e agora pode consultarse a través do web dese xornal.
Fonte: CTNL
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O noso Nadal, galego e verde
Posted by trabalingua o 30/09/2008
Glosario castelán-galego de termos xurídicos dubidosos é o título da obra de consulta que o Colexio de Avogados de Santiago acaba de subir ao seu web. A obra, realizada por Martín Ramos Insua, achega versións galegas a termos desta linguaxe especializada coma coadxuvante ou verificación da suficiencia. O glosario, que pode consultarse directamente na rede e descargarse en formato pdf, será publicado no vindeiro número da revista Avogacía Compostelá, na sección Ao pé da letra.
Fonte: Culturagalega.org
Posted in Normalización, Terminoloxía | Comentarios desactivados en Glosario de termos xurídicos
Posted by trabalingua o 3/05/2008
En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de Xustiza, e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, a Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago quere recordar que os profesionais da demarcación «avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada». Asemade, apostan por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da Xustiza co fin de acadar «a normalización efectiva da nosa lingua».
Os letrados de Santiago de Compostela defenden tamén a eliminación de todos os obstáculos «que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional», ao tempo que rexeitan «expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica».
O comunicado do Colexio de Avogados que preside Evaristo Nogueira Pol remata apostando por contribuír «ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso ese reto».
O Colexio de Avogados de Santiago ofrece o seu apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos». Neste senso, consideran especialmente correcta a actuación da maxistrada Ana López-Suevos Fraguela, ao tempo que solicitan «unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados».
Ver comunicado
Fonte: La Voz de Galicia
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O colexio de avogados compostelán maniféstase a prol do galego na xustiza
Posted by trabalingua o 7/04/2008
O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, presenta a segunda edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico.
Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros… O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e… por que non? Tamén para formar parellas!
Establécense dúas categorías de participantes: Categoría A: de 14 a 19 anos; Categoría B: de 20 a 30 anos
Para poder participar as persoas interesadas deberán rexistrarse na páxina web www.linguadeamor.eu para poder enviar as súas declaracións. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. As mensaxes que excedan esta extensión quedarán fóra do concurso. Así mesmo, establecerase un máximo de dúas mensaxes por concursante.
A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.
Establécense tres premios por cada unha das categorías: Categoría A: 1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego; 2º DVD portátil + un lote de libros en galego; 3º MP3 + un lote de libros en galego. Categoría B: 1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego; 2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego; 3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego
Ademais, os 200 primeiros/as participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Consultar as bases do concurso
Fonte: web linguadeamor.eu
Posted in Normalización | Etiquetado: Add new tag | Comentarios desactivados en Lingua de Amor 2008
Posted by trabalingua o 31/03/2008
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a quinta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.
O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.O prazo de presentación de orixinais remata o 12 de abril de 2008.
Consultar a convocatoria
Fonte: web do CDSG
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en V Certame Literario Concello de Ames
Posted by trabalingua o 31/03/2008
O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca por cuarto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso da nosa lingua na prensa escrita.
O certame recompensa a redacción de artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten sobre algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, con propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con accións de impulso ao uso social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc.
Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos e o prazo de admisión estará aberto até o 18 de abril.
Outorgaranse dous premios económicos, un primeiro de 1.000 euros e un segundo de 350 euros. Ademais, os dous artigos gañadores serán publicados nos nove medios de comunicación escrita colaboradores, que son: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos e Vieiros.
Consultar as bases
Fonte: web da CTNL
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en IV Premio a artigos normalizadores Concello de Carballo
Posted by trabalingua o 10/11/2007
O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación da primeira campaña de promoción da nosa lingua que se organiza desde a avogacía institucional. A campaña “Avogamos polo galego” presentouse no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela con grande éxito de asistencia de profesionais da lingua e do dereito e foi acompañada da celebración dunha xornada de reflexión sobre o uso da nosa lingua no ámbito xurídico.
Nun acto previo, que contou co práctico pleno do aforo do local, o decano do propio colexio, Evaristo Nogueira Pol, xunto coa secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez presentaron os materiais cos que vai contar esta campaña. Ambos os dous destacaron, principalmente, a importancia de contribuír á xusta normalización do idioma no ámbito da avogacía e á necesidade de ofrecer mediante as políticas adaptadas ao sector, os medios necesarios para poder acadar este reto.
Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza. Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner que a partir de hoxe vai aparecer na páxina web do colexio e que ademais todos os letrados e letradas poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos espazos vinculados á xustiza na cidade compostelá, como aos despachos, aos xulgados e á Escola de Práctica Xurídica, entre outros.
Os dous actos, que forman parte do programa de dinamización lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por parte da avogacía de Compostela.
Fonte: Avogacia.org
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en A campaña “Avogamos polo galego” buscará incrementar o uso do idioma propio de Galicia por parte da avogacía de Compostela
Posted by trabalingua o 22/10/2007
O Rexistro Civil da Coruña pon en marcha este luns a aplicación informática Inforeg 4, que vai permitir que os cidadáns que así o soliciten poidan inscribir en galego a declaración de nacemento dun fillo, un matrimonio ou calquera outro trámite sobre o seu estado civil.
Aínda que hai anos que os rexistros civís entregan certificacións bilingües de nacemento, matrimonio ou defunción, os libros estaban redactados exclusivamente en español e, consecuentemente, todas as inscricións se realizaban nesta lingua. Coa modificación do artigo 23 da Lei de Rexistro Civil, que obriga a este organismo á informatización e á inscrición na lingua oficial do territorio, esta situación pode ser mudada. No entanto, no da Coruña, onde o novo sistema xa levaba tempo en uso, a inscrición en galego non era posíbel porque a anterior versión do programa informático non era bilingüe.
A planificación do Ministerio de Xustiza, co que colabora a Consellaría de Presidencia, prevé que a informatización e a inscrición en galego nos Rexistros Civís de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol se realice de forma progresiva -unha semana cada un- a partir do vindeiro 29 de outubro.
A consellaría asumirá a formación para a posta en marcha da aplicación nos xulgados de primeira instancia dos demais partidos xudiciais.
Lei 12/2005, pola que se modifica o artigo 23 da Lei de Rexistro Civil
Fonte: Vieiros
Posted in Administración, Normalización, Tecnoloxía | Comentarios desactivados en Os rexistros civís de Galicia permitirán a inscrición en lingua galega grazas a unha nova aplicación informática
Posted by trabalingua o 4/10/2007

O Servizo de Asesoramento Lingüístico (SAL) do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela iniciou unha campaña de fomento do uso do galego entre a avogacía, cuxo lema é “Fai xustiza coa lingua”. A imaxe desta campaña foi incluída na contraportada do exemplar número 2 do mes de xullo da revista Avogacía Compostelá e tamén pode descargarse dende o sitio web deste servizo.
Esta publicación, editada integramente en galego, incluirá en todos os seus números un espazo dedicado á normalización lingüística onde se publicarán contidos específicos da linguaxe xurídica, así como artigos divulgativos sobre o proceso de normalización do galego.
O SAL do Colexio de Avogados ten por obxectivo principal contribuír á normalización do uso da lingua galega entre a avogacía compostelá. Algunhas das actuacións máis destacadas que se levarán a cabo desde este servizo ao longo deste ano 2007 serán a organización dunhas xornadas sobre linguaxe xurídica e o lanzamento dunha campaña de dinamización lingüística.
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en “Fai xustiza coa lingua”
Posted by trabalingua o 12/09/2007
A documentación remitida en galego polos concellos galegos á Xunta pasou do 26 por cento no 2000 ao 80 por cento no 2006.
O dato despréndese do segundo informe sobre a aplicación en España da Carta das Linguas Minorizadas, onde tamén se subliña que o galego é a lingua maioritaria dos plenos municipais e se restituíron, con algunhas “excepcións”, os topónimos orixinais do país. Precisamente, distintos membros do Comité de Expertos das Linguas Minorizadas están estes días en Galicia para contrastar o informe, nunha xira que inclúe entrevistas coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, ademais de encontros con distintas institucións e asociacións, como a Real Academia Galega ou a Mesa.
Fonte: El Correo Gallego
Posted in Administración, Normalización | Comentarios desactivados en Os concellos galegos incrementan de xeito considerable o uso da lingua propia
Posted by trabalingua o 8/09/2007
A Consellería de Presidencia concede 799 000 euros a 118 entidades locais de Galicia para subvencionar a normalización da lingua galega. Así se recolle na edición do venres 7 de setembro do Diario Oficial de Galicia (DOG).
Estas axudas adoptan catro modalidades: o mantemento dos servizos municipais e provinciais de normalización lingüística xa existentes; a creación de novos servizos municipais e provinciais de normalización lingüística, debidamente xustificados e sempre que exista crédito suficiente; a organización de campañas e elaboración de publicacións co obxecto de lograr a normalización lingüística na entidade local; e o desenvolvemento de campañas de normalización e emprego do galego nos documentos e instrumentos ofimáticos empregados pola Administración local.
Os servizos municipais e provinciais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugués). Ademais, desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico coma no sociolingüístico.
Fonte: web da Xunta de Galicia
Posted in Administración, Normalización, Subvencións | Comentarios desactivados en A Consellería de Presidencia publica as subvencións ás entidades locais para a normalización da lingua
Posted by trabalingua o 14/05/2007
Os tres grupos parlamentarios aprobaron o pasado 9 de maio por unanimidade unha proposición non de lei para cumprir o establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega na Administración local. Segundo o texto desta proposición, “O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a adoptar as accións precisas para que no prazo máis breve posible se cumpra o Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito da Administración local”.
Entre as medidas propostas para esta administración destacan: garantir a denominación oficial dos topónimos; establecer o galego como lingua vehicular en todas as comunicacións; a formación lingüística do funcionariado; a oferta positiva en galego na atención á cidadanía; facer que os cargos públicos fagan uso oral e escrito do galego no desempeño da súa responsabilidade pública; ou a coordinación dos departamentos técnicos de normalización lingüística.
Posted in Administración, Normalización | Comentarios desactivados en O Parlamento aproba unha proposición non de lei para a normalización da Administración local
Posted by trabalingua o 12/04/2007
O Servizo de Normalización Lingüística do Consello da Xuventude de Galicia (CXG) puxo en marcha a primeira edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico.
Lingua de Amor insírese dentro do programa de normalización e dinamización lingüística do CXG con motivo da celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día Internacional da Internet.
Este concurso, cuxo lema é “o amor na túa lingua”, interrelaciona a lingua galega con tres eixes que a miúdo camiñan collidos da man: a xuventude, a internet e o amor. Lingua de Amor pretende dinamizar o uso do galego en dous ámbitos fundamentais para a xente nova: por unha banda, os momentos de lecer e relacións interpersoais e, por outra, as novas tecnoloxías.
Poden participar neste concurso todos os mozos e mozas de entre 14 e 30 anos e a data límite para o envío das declaracións remata o vindeiro 15 de maio. A partir do 1 de maio poderase acceder ás declaracións a través da páxina web http://www.linguadeamor.eu/
Máis información: cartel tríptico bases do concurso formulario de declaración
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O Servizo de Normalización Lingüística do CXG presenta o concurso “Lingua de Amor”
Posted by trabalingua o 10/03/2007
O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) puxo na rede, para consulta ou descarga, o contido do kit para a normalización da lingua, presentado o pasado mes de outubro, no curso dos X Encontros para a Normalización Lingüística. O kit ofrece documentación imprescindible e recursos para o coñecemento e o traballo nos ámbitos da normalización.
O acceso, ou a descarga, pode facerse na web do CDSG.
Fonte: web do Consello da Cultura Galega
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia ofrece un kit para a normalización
Posted by trabalingua o 23/01/2007
En galego, tes todo por dicir é o lema da nova campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, durante todo o ano, terá presenza nos medios de comunicación, nos espazos publicitarios das vilas e cidades e na rede internet, a través dunha páxina web de referencia para a campaña: (http://www.galegoelogo.com/).
O lecer da mocidade, a xente maior, a educación, a transmisión familiar, o ámbito comercial e empresarial en xeral, a creación artística, a sanidade, o mundo do dereito ou as novas tecnoloxías son algúns dos campos nos que se vai actuar con accións específicas e material de campaña para cada un deles.
Segundo explicou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, “o que se persegue é unir lingua galega a unha imaxe nova, actual e conectada coas referencias estéticas da contemporaneidade, para que mozos e mozas asocien galego con hoxe, para que a sociedade enteira identifique a nosa lingua coa modernidade e co prestixio”.
A campaña, que se desenvolverá durante 2007, inclúe actividades que se anunciarán ao longo do ano.
Fonte: web da Xunta de Galicia
Posted in Normalización | Comentarios desactivados en Política Lingüística presenta a campaña “En galego, tes todo por dicir”
Posted by trabalingua o 30/08/2006
Dezaseis colexios públicos participarán o vindeiro curso nun programa de potenciación do ensino en lingua galega en Educación Infantil, promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegará a arredor de oitocentos nenos de entre tres e cinco anos.
Estes centros teñen cando menos dous grupos por curso, nun dos cales implantarase o ensino en galego. Para iso contan co acordo do claustro e do consello escolar. Ademais, cada pai decide no momento da matrícula en que clase quere escolarizar o seu fillo.
A normativa actual indica que os mestres han de dirixirse aos seus alumnos na súa lingua materna, así como impartir as clases no idioma maioritario do grupo, polo que en moitos centros xa se están impartindo clases en galego.
Con este proxecto, que podería ampliarse a máis colexios o vindeiro curso, preténdese fomentar o uso do galego nos centros educativos situados en zonas urbanas ou periurbanas, xa que é no rural onde predomina un maoor uso deste idioma na docencia, segundo indicou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quen presentou onte o proxecto aos medios.
Os centros educativos participantes recibirán da Consellería de Educación apoio para os docentes implicados a través dos centros de Formación do Profesorado, que proporcionarán asesoramento para a elaboración dos seus proxectos específicos e para o seu desenvolvemento. Ademais, Educación e Política Lingüística subministrarán aos centros materiais e recursos en lingua galega, e difundirán os materiais educativos producidos e as experiencias a través da Rede.
Fonte: El Correo Gallego
Posted in Ensino, Normalización, Novidades | Comentarios desactivados en Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego
Debe estar conectado para enviar un comentario.