TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Archive for the ‘Novidades’ Category

O galego deixou pegada no Salón Expolingua de París

Posted by trabalingua o 28/01/2007

A presenza da lingua galega en París no Salón Expolingua permitiu que milleiros de persoas se achegaran ao noso idioma, nun evento no que estiveron presentes máis de 60 linguas de todo o mundo. Desde o xoves ata hoxe, día da clausura, o expositor que levou a París a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo gran afluencia de público interesado en coñecer a realidade sociolingüística galega e as posibilidades de estudar a nosa lingua.O programa de actividades do expositor galego incluíu sesións informativas sobre as posibilidades de estudar o noso idioma en Francia e noutros países de Europa e do mundo. Ademáis, arredor dunha vintena de visitantes recibiron clases de lingua galega nas propias instalacións do Expolingua.

A oferta do mercado lingüístico no relativo a escolas de lingua, turismo idiomático, programas de estudo para estranxeiros ou métodos e test de coñecemento dos idiomas foi outro dos atractivos deste salón das linguas do mundo.

Expolingua serviu tamén de foro de debate e reflexión dos 20 países e 60 linguas que participaron nesta vixésimo quinta edición desta feira. No salón tamén se intercambiaron experiencias sobre as diferentes realidades sociolingüísticas e os traballos que se desenvolven no impulso do coñecemento e o estudo dos idiomas.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Advertisements

Posted in Novidades | Comentarios desactivados en O galego deixou pegada no Salón Expolingua de París

Política Lingüística e a RAG asinan tres convenios de colaboración

Posted by trabalingua o 13/09/2006

Marisol López e Xosé Ramón Barreiro.jpgA secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Barreiro, asinaron onte tres convenios de colaboración para o mantemento do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega, para lles dar continuidade aos estudos de sociolingüística e para desenvolver traballos de lexicografía e gramática galega.Entre as actuacións previstas nestes convenios destacan as relativas á actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, unha completa visión da realidade lingüística galega realizada hai máis dunha década. O Seminario de Sociolingüística da RAG analizará os novos datos recompilados ao longo de 2004 para comparalos cos anteriores e ofrecer información sobre a evolución da lingua galega nos distintos sectores sociais de Galicia. Para estes traballos o departamento de Política Lingüística da Xunta de Galicia destina unha partida de 76.800 euros.

Outro dos convenios, relativo aos traballos de lexicografía que realiza a Sección de Lingua da RAG, prevé a nova edición do Dicionario da Real Academia Galega, que terá un mínimo de 40.000 entradas e que sairá do prelo o ano que vén. Para estes traballos destínanse, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 127.400 euros.

No que se refire ao Servizo de Terminoloxía, coñecido como Termigal, o acordo entre Política Lingüística e a Academia prevé a conclusión, neste ano, dos vocabularios de márketing, de fútbol e do automóbil, para fomentar o uso do galego como lingua de especialidade. Ademais, o servizo seguirá atendendo e resolvendo consultas sobre terminoloxía. O acordo está dotado cunha partida económica de 76.800 euros.

Transición cara a un novo modelo
Tras a sinatura dos convenios, a responsable de Política Lingüística, Marisol López, sinalou que “a estratexia de colaboración que asinamos hoxe supón unha transición cara a un novo modelo de traballo común” e engadiu que “neste momento está practicamente ultimado o documento de constitución dun consorcio do Termigal que se encargará de fixar a terminoloxía da nosa lingua e que terá unha maior autonomía no seu funcionamento”. Neste consorcio prevese que estean integrados, ademais de Política Lingüística e a RAG, as universidades galegas.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, expresou a súa satisfacción pola sinatura destes convenios, e explicou que a razón de ser da academia é a lingua. “O 80 por cento do orzamento da institución oriéntase á lingua”, indicou.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Novidades | Comentarios desactivados en Política Lingüística e a RAG asinan tres convenios de colaboración

A RAE estuda suprimir as acepcións pexorativas do termo “gallego”

Posted by trabalingua o 12/09/2006

A Real Academia Española estuda suprimir do seu dicionario as acepcións pexorativas de “gallego” recollidas como usos propios do Salvador e de Costa Rica. O Bloque Nacionalista Galego, promotor de múltiples iniciativas neste sentido, celebrou onte que, tras unha primeira reacción contraria, a institución decidise analizar o asunto.

Así o expuxo onte o deputado da formación nacionalista Bieito Lobeira, remitindo á información proporcionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en resposta a unha pregunta parlamentaria.

Fontes dese departamento da Xunta explicaron que, a instancias do Parlamento galego, lle solicitou á Real Academia Española que eliminase do dicionario as acepcións de “gallego” como “parvo, falto de entendemento” e “tatexo”. A Secretaría Xeral de Política Lingüística argumentou a súa petición expoñendo que non hai “motivos lexicográficos nin de ningún outro tipo que xustifiquen a súa presenza no dicionario”.

Na súa resposta, o director da Real Academia Española comprometeuse a pedirlle, informes exhaustivos ás Academias do Salvador e de Costa Rica antes de tomar unha decisión sobre a supresión das acepcións. Explica a RAE que a inclusión das definicións no dicionario obedecera á existencia destes “usos particulares” nos dous países. De todos os xeitos, lémbrase que tales acepcións xa non figuran no CREA, Corpus de Referencia do Español Actual.

Nunha segunda carta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística solicitoulle unha copia dos informes pedidos a Costa Rica e ó Salvador, e reclámaballe de novo a supresión das acepcións pexorativas. Polo tanto, segundo se lle explica a Lobeira na comunicación, a Xunta atópase á espera dunha nova contestación, que “se agarda favorable á petición formulada das acepcións 5ª e 6ª” do Diccionario de la Lengua Española.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Novidades, Outras linguas | Comentarios desactivados en A RAE estuda suprimir as acepcións pexorativas do termo “gallego”

Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Posted by trabalingua o 31/08/2006

Galicia e Castela e León colaborarán para reforzar o ensino da lingua galega no Bierzo e en Sanabria, polo que a Xunta se compromete a formar o profesorado e a ceder materiais didácticos, mentres que a Xunta castelán-leonesa concederá a autorización para impartir a materia nos centros docentes non universitarios que o soliciten e dotará de persoal os mesmos.

Así o recolle un protocolo de colaboración para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes do Bierzo e de Sanabria subscrito onte en Ponferrada entre a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o seu homólogo da Xunta, Javier Álvarez Guisasola; e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Ensino, Novidades | Comentarios desactivados en Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego

Posted by trabalingua o 30/08/2006

Dezaseis colexios públicos participarán o vindeiro curso nun programa de potenciación do ensino en lingua galega en Educación Infantil, promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegará a arredor de oitocentos nenos de entre tres e cinco anos.

Estes centros teñen cando menos dous grupos por curso, nun dos cales implantarase o ensino en galego. Para iso contan co acordo do claustro e do consello escolar. Ademais, cada pai decide no momento da matrícula en que clase quere escolarizar o seu fillo.

A normativa actual indica que os mestres han de dirixirse aos seus alumnos na súa lingua materna, así como impartir as clases no idioma maioritario do grupo, polo que en moitos centros xa se están impartindo clases en galego.

Con este proxecto, que podería ampliarse a máis colexios o vindeiro curso, preténdese fomentar o uso do galego nos centros educativos situados en zonas urbanas ou periurbanas, xa que é no rural onde predomina un maoor uso deste idioma na docencia, segundo indicou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quen presentou onte o proxecto aos medios.

Os centros educativos participantes recibirán da Consellería de Educación apoio para os docentes implicados a través dos centros de Formación do Profesorado, que proporcionarán asesoramento para a elaboración dos seus proxectos específicos e para o seu desenvolvemento. Ademais, Educación e Política Lingüística subministrarán aos centros materiais e recursos en lingua galega, e difundirán os materiais educativos producidos e as experiencias a través da Rede.

Fonte: El Correo Gallego

Posted in Ensino, Normalización, Novidades | Comentarios desactivados en Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego

La Sexta emitirá os partidos de liga en galego a través da TDT

Posted by trabalingua o 26/08/2006

Aquelas persoas que dispoñan de Televisión Dixital Terrestre poderán ver o partido de fútbol que retransmite La Sexta tamén en galego, conforme anunciou a cadea. No seu momento, Canal Satélite tamén emitía os partidos do Celta e do Deportivo coa posibilidade de escoller o galego. 

La Sexta emitirá o Campionato de Liga de Primeira División en castelán, catalán, eusquera e galego para todo o territorio do estado, a través de televisión dixital terrestre (TDT) en cumprimento da Lei Reguladora de Emisións e Retransmisións de Competicións e Acontecementos Deportivos. O inconveniente é que hai que dispoñer desta tecnoloxía, o que deixa fóra unha parte importante de Galiza, especialmente no interior. A vantaxe é que podes ver os partidos en galego en calquera parte do estado. Con todo, esta retransmisión multilingüe non será posíbel na primeira xornada.

Fonte: Galego.org

Posted in Deporte, Medios de comunicación, Novidades | Comentarios desactivados en La Sexta emitirá os partidos de liga en galego a través da TDT

X Encontros para a Normalización Lingüística

Posted by trabalingua o 23/08/2006

X Encontros para a NL.jpgAnúnciase a décima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 26 e 27 de outubro de 2006 no Auditorio de Galicia.

A partir de setembro porase á disposición dos/as interesados/as no web do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) o programa definitivo e o formulario de inscrición en liña, así como toda a información sobre os trámites da matrícula. 

Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Posted in Cursos e xornadas, Novidades | Comentarios desactivados en X Encontros para a Normalización Lingüística

Resolución de axudas para a edición de materiais curriculares en galego

Posted by trabalingua o 21/08/2006

Un total de 239 proxectos editoriais en formatos impresos, dixitais, visuais e audiovisuais recibirán axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O departamento que dirixe Marisol López concedeu onte as subvencións a un total de 23 editoriais que presentaron proxectos de materiais curriculares para niveis non universitarios e, por primeira vez, para a formación de adultos. A esta convocatoria presentáronse 376 solicitudes e, en canto aos criterios de concesión, unha nota de prensa da Secretaría especifica que tiveron prioridade aqueles de materias non consideradas de uso obrigatorio en galego. O importe máximo é de seis mil euros e a contía da axuda non pode superar o custo total da publicación.

Fonte: culturagalega.org

Posted in Novidades, Subvencións | Comentarios desactivados en Resolución de axudas para a edición de materiais curriculares en galego