Os vindeiros días 5, 6, 7 e 8 de febreiro terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o I Congreso de tradución para a dobraxe en Galiza, País Vasco e Cataluña.
Os obxectivos xerais destas xornadas son ofrecer unha perspectiva histórica da dobraxe en Galicia, País Vasco e Cataluña e dar a coñecer os servizos de produción allea das tres canles autonómicas (TVG, ETB e TV3); impartir unha formación complementaria e especializada sobre unha modalidade de tradución que está moi presente no mercado profesional, dando a coñecer a todos os asistentes o mercado da tradución audiovisual no tocante a empresas (estudos de dobraxe), axencias de tradución e interpretación e axentes mediadores (técnicos en recursos lingüísticos) relacionados con este ámbito profesional; e mostrar as experiencias profesionais da tradución para a dobraxe nestas tres comunidades: estratexias de tradución de produtos dobrados para a televisión (filmes, debuxos animados, documentais…).
Este congreso conta con diversos relatores do sector audiovisual que desenvolven a súa actividade profesional nas tres comunidades autónomas. Por parte de Galicia participarán María Alonso, Xerardo Couto, Luís Iglesia, Ana Lemos, Rosa Moledo, Ramón Novo e Alfonso Valiño; por parte do País Vasco, Asier Larrinaga e Beatriz Zabalondo; e por parte de Cataluña, Josep María Carbó e Lluís Comes i Arderiu.