TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

I Congreso de tradución para a dobraxe

Posted by trabalingua o 2/02/2007

I Congreso de tradución para a dobraxeOs vindeiros días 5, 6, 7 e 8 de febreiro terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o I Congreso de tradución para a dobraxe en Galiza, País Vasco  e Cataluña.

Os obxectivos xerais destas xornadas son ofrecer unha perspectiva histórica da dobraxe en Galicia, País Vasco e Cataluña e dar a coñecer os servizos de produción allea das tres canles autonómicas (TVG, ETB e TV3); impartir unha formación complementaria e especializada sobre unha modalidade de tradución que está moi presente no mercado profesional, dando a coñecer a todos os asistentes o mercado da tradución audiovisual no tocante a empresas (estudos de dobraxe), axencias de tradución e interpretación e axentes mediadores (técnicos en recursos lingüísticos) relacionados con este ámbito profesional; e mostrar as experiencias profesionais da tradución para a dobraxe nestas tres comunidades: estratexias de tradución de produtos dobrados para a televisión (filmes, debuxos animados, documentais…).

Este congreso conta con diversos relatores do sector audiovisual que desenvolven a súa actividade profesional nas tres comunidades autónomas. Por parte de Galicia participarán María Alonso, Xerardo Couto, Luís Iglesia, Ana Lemos, Rosa Moledo, Ramón Novo e Alfonso Valiño; por parte do País Vasco, Asier Larrinaga e Beatriz Zabalondo; e por parte de Cataluña, Josep María Carbó e Lluís Comes i Arderiu.

Posted in Cursos e xornadas, Tradución | Comentarios desactivados en I Congreso de tradución para a dobraxe

A obra de Rosalía agora tamén en xaponés

Posted by trabalingua o 30/01/2007

O xaponés Shozo Nakanishi quedou tan impresionado a primeira vez que escoitou os poemas de Rosalía de Castro que non se lle ocorreu mellor homenaxe que traducir os seus versos ao seu propio idioma. No 2000 trasladou ao xaponés doce poemas de Cantares Gallegos e xa entón anunciaba que tiña a intención de publicar «en breve» a súa versión da “á miña nai”, seguida de Follas Novas. Nakanishi, banqueiro de profesión pero poeta vocacional, declarou que atopa similitudes entre a obra de Rosalía e a dalgúns dos seus contemporáneos nipóns, e que os seus compatriotas non atoparán dificultades para ler á autora de Padrón, xa que «españois e xaponeses temos o mesmo corazón». O poema “á miña nai” acábao de publicar a editorial Chusekisya, nunha tirada de mil exemplares, e conta co apoio financeiro do programa Baltasar Gracián do Ministerio de Cultura español.

Nakanishi tamén explicou que quere concentrar os seus esforzos na tradución de Follas Novas, aínda que se trata dun traballo que lle leva o seu tempo: «A este ritmo necesitarei vivir douscentos anos».

O representante de Chusekisya, Takahiso Okiyama, confesou o seu entusiasmo pola publicación da tradución e confirmou a boa aceptación que tivo o primeiro volume. «Espero que chegue aos poetas xaponeses, porque a calidade da poesía actual xaponesa estase deteriorando», afirmou.   Nakanishi coñeceu a obra de Rosalía en 1985, cando foi destinado á sucursal madrileña dun banco do seu país. Era o centenario da morte da escritora e así o xaponés entrou en contacto con Rosalía, unha afección que se volveu devoción, sobre todo cando o catedrático Xesús Alonso Montero lle axudou a ampliar os seus coñecementos. Nakanishi dedicouse a divulgar a obra de Rosalía entre os seus compatriotas e ten un poema favorito da autora galega: “Adeus ríos, adeus fontes”, que recita en xaponés.

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Tradución | Comentarios desactivados en A obra de Rosalía agora tamén en xaponés

O galego deixou pegada no Salón Expolingua de París

Posted by trabalingua o 28/01/2007

A presenza da lingua galega en París no Salón Expolingua permitiu que milleiros de persoas se achegaran ao noso idioma, nun evento no que estiveron presentes máis de 60 linguas de todo o mundo. Desde o xoves ata hoxe, día da clausura, o expositor que levou a París a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo gran afluencia de público interesado en coñecer a realidade sociolingüística galega e as posibilidades de estudar a nosa lingua.O programa de actividades do expositor galego incluíu sesións informativas sobre as posibilidades de estudar o noso idioma en Francia e noutros países de Europa e do mundo. Ademáis, arredor dunha vintena de visitantes recibiron clases de lingua galega nas propias instalacións do Expolingua.

A oferta do mercado lingüístico no relativo a escolas de lingua, turismo idiomático, programas de estudo para estranxeiros ou métodos e test de coñecemento dos idiomas foi outro dos atractivos deste salón das linguas do mundo.

Expolingua serviu tamén de foro de debate e reflexión dos 20 países e 60 linguas que participaron nesta vixésimo quinta edición desta feira. No salón tamén se intercambiaron experiencias sobre as diferentes realidades sociolingüísticas e os traballos que se desenvolven no impulso do coñecemento e o estudo dos idiomas.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Novidades | Comentarios desactivados en O galego deixou pegada no Salón Expolingua de París

Política Lingüística presenta a campaña “En galego, tes todo por dicir”

Posted by trabalingua o 23/01/2007

elogoEn galego, tes todo por dicir é o lema da nova campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, durante todo o ano, terá presenza nos medios de comunicación, nos espazos publicitarios das vilas e cidades e na rede internet, a través dunha páxina web de referencia para a campaña: (http://www.galegoelogo.com/).

O lecer da mocidade, a xente maior, a educación, a transmisión familiar, o ámbito comercial e empresarial en xeral, a creación artística, a sanidade, o mundo do dereito ou as novas tecnoloxías son algúns dos campos nos que se vai actuar con accións específicas e material de campaña para cada un deles.

Segundo explicou a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, “o que se persegue é unir lingua galega a unha imaxe nova, actual e conectada coas referencias estéticas da contemporaneidade, para que mozos e mozas asocien galego con hoxe, para que a sociedade enteira identifique a nosa lingua coa modernidade e co prestixio”.

A campaña, que se desenvolverá durante 2007, inclúe actividades que se anunciarán ao longo do ano.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en Política Lingüística presenta a campaña “En galego, tes todo por dicir”

Convocatoria de probas para a habilitación de tradutores/as xurados/as

Posted by trabalingua o 14/01/2007

A Secretaría Xeral de Política lingüística anuncia no Diario Oficial de Galicia do 12 de xaneiro a convocatoria de probas para a habilitación profesional de tradutores/as e intérpretes xurados/as. Esta convocatoria habilitará os/as tradutores/as e intérpretes para realizar traducións xuradas dos seguintes pares de linguas: galego-castelán, galego-portugués, galego-francés, galego-inglés e galego-alemán. 

O prazo para a presentación de solicitudes é do 15 ao 31 de xaneiro.  

No sitio web da Secretaría Xeral de Política Lingüística pode obterse máis información e consultar o cronograma para a realización das probas.

Posted in Tradución | Comentarios desactivados en Convocatoria de probas para a habilitación de tradutores/as xurados/as

TVE estuda diminuír a súa programación en galego

Posted by trabalingua o 8/01/2007

O director dos centros territoriais de RTVE, Manuel Lombao, explicou que a medida obedece á reestruturación na que está inmersa RTVE, o que inclúe unha diminución do persoal de 4.150 traballadores. No entanto, o descenso das horas de emisión en catalán, éuscaro, galego e valenciano non será unha novidade a partir deste mesmo mes, tendo en conta que nalgúns dos centros territoriais antes mencionados, como no do País Vasco, a medida está en práctica desde finais do pasado verán.

O único espazo da programación que seguirá emitíndose na correspondente lingua cooficial será o informativo territorial das 14.00 horas, que dura 30 minutos e emite A Primeira de TVE, tanto en Cataluña e País Vasco como en Galicia, Comunidade Valenciana e Baleares, segundo precisou Lombao. Isto significa unha redución doutros 30 minutos de emisión en lingua cooficial nas devanditas comunidades autónomas, xa que antes, ao telexornal das 14.00 horas había que sumar outro informativo, o das 20.00 horas. Con todo, suprimiuse desde o pasado 1 de xaneiro; e ata antes desta data nalgunhas comunidades autónomas.

O director de Comunicación de RTVE, Miguel Somovilla, indicou que o proceso se atopa en fase de negociación. Manuel Lombao recalcou que aínda é pronto para dilucidar se será unha decisión estable ou cambiará a medio ou longo prazo, unha vez culminado o plan de saneamento do ente.

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Medios de comunicación | Comentarios desactivados en TVE estuda diminuír a súa programación en galego

O ensino non regrado do galego constará de cinco niveis

Posted by trabalingua o 7/12/2006

A certificación do coñecemento da lingua galega fóra do sistema educativo regrado vai depender dunha proba que acreditará un determinado nivel de cinco posibles. A partir do outono do 2007 a Xunta prevé implantar o sistema que desterrará os actuais certificados de iniciación e perfeccionamento.

Un dos cambios máis relevantes afectará, de acordo coa Consellería da Presidencia, ás probas de acceso á función pública, para as que fixarán diferentes niveis de competencia a teor dos perfís das prazas ou postos que se teñan que cubrir.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou a publicación Niveis de competencia en lingua galega , unha guía que describe as habilidades e contidos que van requirir en cada un dos niveis. Este documento foi elaborado polo equipo do Centro Ramón Piñeiro que traballa no Proxecto para a avaliación e a aprendizaxe de galego , posto en marcha a partir de que a Xunta decidiu modificar as probas de coñecemento de lingua galega para adaptalas aos niveis de competencia fixados polo Consello de Europa no marco europeo común de referencia para as linguas.

A publicación é un guión dos contidos que se requerirán en cada nivel deste novo sistema, o Celga (certificado en lingua galega). Editaron cinco mil exemplares para distribuílos entre o profesorado de lingua, universidades, lectorados e bibliotecas.

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O ensino non regrado do galego constará de cinco niveis

O ILG presenta unha cartografía de apelidos galegos

Posted by trabalingua o 21/11/2006

acto de presentacion.jpgO Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveu un proxecto que permite coñecer a distribución xeográfica en Galicia de máis de 25.000 apelidos mediante a súa representación cartográfica nun mapa de concellos. Trátase dunha ferramenta pioneira nos estudos onomásticos hispánicos, xa que aínda que se poden atopar webs semellantes referentes aos apelidos italianos, franceses ou ingleses, é a primeira vez que se fai tomando como base os dun territorio de España ou Portugal.

No traballo partiuse dos apelidos proporcionados polo Instituto Galego de Estatística pertencentes ao censo de poboación de 2001, que inclúe datos de 2.750.648 persoas.

A investigación, elaborada en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e coa a axuda do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) permite coñecer tamén a frecuencia dos apelidos.

O proxecto posibilítalles aos galegos a pescuda do mapa do seu apelido, fornecéndolle diversas informacións como os lugares onde é máis frecuente, o número deles por concello e no total de Galicia, así como eses mesmos datos de maneira proporcional.

Mediante a distribución actual dun apelido pódese saber de onde procede, cal é a vía de introdución dunha palabra, examinar as áreas de fenómenos fonéticos e morfolóxicos ou comprobar determinados fenómenos inmigratorios como os apelidos dos cataláns.

A ferramenta pódese consultar a través dunha aplicación accesible nunha páxina web (http://servergis.cesga.es/website/apelidos/viewer.asp).

Fonte: El Correo Gallego

Posted in Onomástica | Comentarios desactivados en O ILG presenta unha cartografía de apelidos galegos

I seminario de dinamización lingüística no ensino

Posted by trabalingua o 7/11/2006

I seminario de dinamización lingüótica no ensino.jpgAs cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo acollen mañá a primeira das xornadas do I Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta actividade pretende ser un punto de partida para reorientar o labor dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e o papel do profesorado en xeral na tarefa da dinamización lingüística no ámbito educativo.

Este seminario é a primeira actividade da nova estratexia do Goberno galego coa que se pretende dotar aos profesionais do ensino das ferramentas necesarias para poder desenvolver unha tarefa normalizadora nos propios centros educativos e no seu contorno. De feito, a carencia de actividades deste tipo fixo que as previsións de matrícula se visen superadas e as 350 prazas iniciais foron amplamente superadas polo volume de inscricións rexistrado.

O seminario desenvolverase simultaneamente nas cinco cidades citadas, mentres que en Vigo e en Pontevedra as xornadas comezarán o vindeiro 22 de novembro. En todos os casos realizaranse en sesións de tarde, compatibles co horario laboral do profesorado, e nas sete cidades o programa é común e está orientado fundamentalmente ao debate e á aplicación, na práctica, das estratexias dinamizadoras.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en I seminario de dinamización lingüística no ensino

Simposio “A lexicografía galega do século XXI”

Posted by trabalingua o 31/10/2006

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega organizan o simposio ‘A Lexicografía galega do século XXI’, que se vai celebrar na Facultade de Filoloxía ao longo do vindeiro mes de novembro. O encontro foi presentado en roda de prensa esta mañá polo decano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González; os coordinadores do simposio, Xavier Varela e Antón Santamarina, e a directora do ILG, Rosario Álvarez.

O contido das conferencias pronunciadas, todas elas contribucións orixinais elaboradas por encargo expreso da organización, xirarán arredor de seis eixes temáticos como son cuestións de metodoloxía, historiografía da lexicografía, a contribución das novas tecnoloxías ao avance da disciplina, os proxectos e recursos lexicográficos centrados especificamente na lingua galega e noutras linguas e o labor lexicográfico das academias.

No desenvolvemento do programa científico do simposio participan especialistas e investigadores procedentes das tres universidades galegas e doutras institucións universitarias españolas e europeas, así como de centros de investigación como o Ramón Piñeiro, o Instituto CNR de Italia, a Real Academia Galega, a Academia das Ciencias de Portugal, a Real Academia Española, ou o Instituto de Estudos Cataláns.

Fonte: páxina web da USC

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en Simposio “A lexicografía galega do século XXI”

O Tribunal Supremo ratifica noutra sentenza o topónimo “A Coruña” como única forma oficial

Posted by trabalingua o 10/10/2006

Catorce anos despois do incio da batalla, o Tribunal Supremo notificoulle ao concello herculino unha nova sentenza -a enésima- ratificando o topónimo “A Coruña” como “unica forma oficial” para denominar a cidade.
O actual alcalde da urbe, Javier Losada, herda así o litixio que empezara o seu antecesor, Francisco Vázquez, por conservar o “L” no topónimo. O seu principal fustigador neste asunto, a Mesa pola Normalización Lingüística que preside Carlos Callón, informou onte nun comunicado desta sentenza.

Lembra o colectivo de defensa da lingua que este ditado xudicial está motivado por un recurso do Goberno municipal coruñés no que “no só solicitaba que non fose recoñecida a forma A Coruña como a oficial a todos os efectos, senón que pretendía que se tirase abaixo a Lei de normalización lingüística a través dunha cuestión de inconstitucionalidade”. Para Callón, agora, “hai dúas voces que a cidadanía debe escoitar despois desta nova sentenza xudicial: a de Javier Losada, e a do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño”.

Considera así mesmo que o rexedor herculino ten ante si “a oportunidade de ouro para demostrar se vai manterse como unha fotocopia de Vázquez ou se van cumprir as leis”. A Touriño, pola súa banda, acusouno de manter unha “actitude indolente, cando non cómplice” durante o mandato de Vázquez, polo que agora, dixo, “debe lembrar que é presidente da Xunta e que, como tal, ten obrigas, e non pode ser defensor de delincuentes, malia que sexan do seu mesmo partido político”. Ademais, a Mesa pola Normalización Lingüístia instou o concello coruñés para ofrecer datos “veraces” sobre os gastos “reais” que lle está a ocasionar ás arcas municipais esta “loita obsesiva contra o galego e as leis”.

Ao longo destes anos, todas as sentenzas xudiciais defenderon a forma “A Coruña” como única oficial válida, motivo polo cal Carlos Callón entende que Javier Losada ten agora dúas opcións: “ou acatar as sentenzas xudiciais ou continuar a mal- gastar diñeiro público en recorrer o que xa sabe que ten perdido, nunha irracional batalla contra a lingua galega”.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Toponimia | Comentarios desactivados en O Tribunal Supremo ratifica noutra sentenza o topónimo “A Coruña” como única forma oficial

O servizo de tradución automática do Instituto Cervantes incorpora o galego

Posted by trabalingua o 27/09/2006

juan-p-basterrechea-marisol-lopez-cesar-a-molina-e-oscar-suau.jpgPorque “a difusión e a promoción da lingua non se consegue só a través do ensino” senón que “hai que crear ferramentas cara á sociedade da información”, o director do Instituto Cervantes, César Antonio Molina acaba de presentar xunto á secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, un novo servizo que permite a tradución gratuíta de textos e webs do español ó galego e viceversa no enderezo http://oesi.cervantes.es/traduccionAutomatica.html

“A supervivencia dunha lingua está na fenda dixital” afirmou o director do Cervantes durante a súa intervención onte no Clube Internacional de Prensa de Compostela, onde presentou este novo servizo, que realiza 200.000 traducións ó mes no Instituto. Así mesmo Marisol López, quen colabora dende Política Lingüística con este proxecto, adiantou as perspectivas de futuro para este tradutor que “dende hai uns meses xa empregamos” na Administración e que “queremos distribuír entre distintas entidades galegas”. A secretaria xeral tamén confirmou, que tras asinar hai uns meses un protocolo de colaboración co Instituto Cervantes para promover o coñecemento da lingua, disporánselle “uns fondos bibliográficos básicos” cos que o convenio “continúe dando os seus froitos” afirmou.

Na rolda de prensa, tamén estivo presente Juan Pedro Basterrechea, responsable de Relacións Institucionais do Instituto Cervantes, que considerou que a misión do centro que é “a promoción e a difusión de todas as linguas cooficiais do Estado” non é “suficiente” xa que as linguas “teñen que estar presentes nesta era da información”, de aí “a importancia deste servizo que se acaba de pór en marcha”. Sobre este programa de traducción automática, Basterrechea subliñou que “o seu resultado será moito mellor, en 24 horas actúase para corrixir os seus erros”.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Tecnoloxía | Comentarios desactivados en O servizo de tradución automática do Instituto Cervantes incorpora o galego

A fraseoloxía a debate no Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía

Posted by trabalingua o 24/09/2006

Os máis relevantes investigadores internacionais sobre fraseoloxía déronse cita esta semana en Santiago e Lugo, no Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía organizado pola Universidade de Santiago.Nas xornadas de traballo celebráronse numerosos debates, relatorios e mesas redondas sobre fraseoloxía galega, pero tamén doutras linguas hispánicas, francés, inglés, alemán, ruso, chinés, árabe e outros. A recolleita de información, a investigación, a elaboración de dicionarios e a tradución foron as catro vertentes sobre as que se centraron os encontros, moi proveitosos para os fraseólogos galegos. O congreso serviu tamén de escaparate para dar a coñecer moitas das investigacións sobre fraseoloxía galega, que espertan cada vez maior interese por parte dos expertos.

Este encontro de investigadores fraseolóxicos foi tamén o marco utilizado para presentar unha nova entrega dos Cadernos de Fraseoloxía Galega, que xa van polo seu oitavo número, e que foron moi ben acollidos polos asistentes ao congreso. Os Cadernos de Fraseoloxía Galega ofrecen á luz pública as recolleitas de material fraseolóxico galego, pero nas súas páxinas teñen cabida tamén os traballos de expertos en fraseoloxía de diferentes países, publicados sempre en lingua galega.

Fonte: páxina web da Xunta de Galicia

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en A fraseoloxía a debate no Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía

O Instituto Cervantes de Madrid incluirá o galego na súa oferta formativa da Casa das Linguas

Posted by trabalingua o 18/09/2006

O Instituto Cervantes comezará a impartir clases de lingua galega en Madrid durante o vindeiro mes de outubro, grazas ao proxecto no que participan o propio Instituto, a Universidade de Alcalá de Henares e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.Esta iniciativa, na que tamén participan organismos responsables da promoción das outras linguas oficiais de España e de Portugal, denomínase Casa das Linguas, un centro que nace coa finalidade de ensinar e propiciar a aprendizaxe das linguas de España e de Portugal, a través do deseño dunha serie de actuacións para a promoción das mesmas.

A oferta de lingua galega neste centro consiste na realización de cursos de iniciación e perfeccionamento, que terán unha duración de 60 horas lectivas cada un deles. A partir do 15 de outubro iniciaranse as clases, que terán dúas sesións semanais en horarios accesibles e compatibles coa xornada laboral.

Os interesados en cursar estes estudos poden recoller o impreso de solicitude no Instituto Cervantes, na rúa Lope de Vega de Madrid.

Esta nova oferta promovida dende Política Lingüística únese a outras iniciativas para a aprendizaxe do galego en Madrid, como os cursos que xa se imparten na Casa de Galicia e na Escola Oficial de Idiomas “Jesús Maestro”.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en O Instituto Cervantes de Madrid incluirá o galego na súa oferta formativa da Casa das Linguas

Política Lingüística e a RAG asinan tres convenios de colaboración

Posted by trabalingua o 13/09/2006

Marisol López e Xosé Ramón Barreiro.jpgA secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Barreiro, asinaron onte tres convenios de colaboración para o mantemento do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega, para lles dar continuidade aos estudos de sociolingüística e para desenvolver traballos de lexicografía e gramática galega.Entre as actuacións previstas nestes convenios destacan as relativas á actualización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, unha completa visión da realidade lingüística galega realizada hai máis dunha década. O Seminario de Sociolingüística da RAG analizará os novos datos recompilados ao longo de 2004 para comparalos cos anteriores e ofrecer información sobre a evolución da lingua galega nos distintos sectores sociais de Galicia. Para estes traballos o departamento de Política Lingüística da Xunta de Galicia destina unha partida de 76.800 euros.

Outro dos convenios, relativo aos traballos de lexicografía que realiza a Sección de Lingua da RAG, prevé a nova edición do Dicionario da Real Academia Galega, que terá un mínimo de 40.000 entradas e que sairá do prelo o ano que vén. Para estes traballos destínanse, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 127.400 euros.

No que se refire ao Servizo de Terminoloxía, coñecido como Termigal, o acordo entre Política Lingüística e a Academia prevé a conclusión, neste ano, dos vocabularios de márketing, de fútbol e do automóbil, para fomentar o uso do galego como lingua de especialidade. Ademais, o servizo seguirá atendendo e resolvendo consultas sobre terminoloxía. O acordo está dotado cunha partida económica de 76.800 euros.

Transición cara a un novo modelo
Tras a sinatura dos convenios, a responsable de Política Lingüística, Marisol López, sinalou que “a estratexia de colaboración que asinamos hoxe supón unha transición cara a un novo modelo de traballo común” e engadiu que “neste momento está practicamente ultimado o documento de constitución dun consorcio do Termigal que se encargará de fixar a terminoloxía da nosa lingua e que terá unha maior autonomía no seu funcionamento”. Neste consorcio prevese que estean integrados, ademais de Política Lingüística e a RAG, as universidades galegas.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro, expresou a súa satisfacción pola sinatura destes convenios, e explicou que a razón de ser da academia é a lingua. “O 80 por cento do orzamento da institución oriéntase á lingua”, indicou.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Novidades | Comentarios desactivados en Política Lingüística e a RAG asinan tres convenios de colaboración

A RAE estuda suprimir as acepcións pexorativas do termo “gallego”

Posted by trabalingua o 12/09/2006

A Real Academia Española estuda suprimir do seu dicionario as acepcións pexorativas de “gallego” recollidas como usos propios do Salvador e de Costa Rica. O Bloque Nacionalista Galego, promotor de múltiples iniciativas neste sentido, celebrou onte que, tras unha primeira reacción contraria, a institución decidise analizar o asunto.

Así o expuxo onte o deputado da formación nacionalista Bieito Lobeira, remitindo á información proporcionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en resposta a unha pregunta parlamentaria.

Fontes dese departamento da Xunta explicaron que, a instancias do Parlamento galego, lle solicitou á Real Academia Española que eliminase do dicionario as acepcións de “gallego” como “parvo, falto de entendemento” e “tatexo”. A Secretaría Xeral de Política Lingüística argumentou a súa petición expoñendo que non hai “motivos lexicográficos nin de ningún outro tipo que xustifiquen a súa presenza no dicionario”.

Na súa resposta, o director da Real Academia Española comprometeuse a pedirlle, informes exhaustivos ás Academias do Salvador e de Costa Rica antes de tomar unha decisión sobre a supresión das acepcións. Explica a RAE que a inclusión das definicións no dicionario obedecera á existencia destes “usos particulares” nos dous países. De todos os xeitos, lémbrase que tales acepcións xa non figuran no CREA, Corpus de Referencia do Español Actual.

Nunha segunda carta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística solicitoulle unha copia dos informes pedidos a Costa Rica e ó Salvador, e reclámaballe de novo a supresión das acepcións pexorativas. Polo tanto, segundo se lle explica a Lobeira na comunicación, a Xunta atópase á espera dunha nova contestación, que “se agarda favorable á petición formulada das acepcións 5ª e 6ª” do Diccionario de la Lengua Española.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Novidades, Outras linguas | Comentarios desactivados en A RAE estuda suprimir as acepcións pexorativas do termo “gallego”

A axencia Europa Press ofrece a súa versión en galego

Posted by trabalingua o 11/09/2006

A axencia Europa Press en Galicia iniciou onte os novos servizos da súa “Canle Galega”, na cal os abonados disporán de todas as informacións en lingua galega transmitidas pola axencia na comunidade.

Así, Europa Press ofrecerá o seu servizo de noticias en ambas as dúas linguas -castelán e galego-, de forma que todos os abonados disporán simultaneamente das dúas versións de todas as informacións. A delegada da axencia en Galicia, Rita Penedo, destaca a importancia de que unha empresa de ámbito estatal aposte polas linguas cooficiais (xa existe o servizo en catalán e éuscaro) e asegura que “se trata dun paso máis do noso apoio á normalización lingüística nos medios de comunicación”.

Rita Penedo quere “ante todo” que sexa “unha ferramenta útil para todos os abonados” e que “non quede nun xesto para a galería”.

Para iso, Europa Press reforzou o seu equipo humano e tamén as ferramentas técnicas, cun sistema de tradución achegado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

A axencia publica unha media de 110 e 120 teletipos diarios de xeito ininterrompido, incluídas fins de semana e festivos, que agora poderán ser consultados integramente na lingua de Galiza. E non só polos medios de comunicación, tamén polas principais empresas de Galicia, como Inditex, Citroën ou Pescanova que teñen contratado o servizo. Entidades bancarias, como Caixanova e Caixa Galicia, administración autonómica e locais, sindicatos, gabinetes de comunicación…

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Medios de comunicación | Comentarios desactivados en A axencia Europa Press ofrece a súa versión en galego

V Simposio Internacional Mercator sobre Linguas Minorizadas

Posted by trabalingua o 5/09/2006

O Centro Mercator-Legislació organiza a quinta edición do Simposio Internacional Mercator, que nesta ocasión se centrará no tema dos dereitos lingüísticos como factor de inclusión social.As sesións desenvolveranse entre os días 19 e 21 de outubro de 2006 no Institut d´Estudis Castalans (Barcelona) e a inscrición é de balde.

Se desexa coñecer o programa provisional, prema aquí.

Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia 

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en V Simposio Internacional Mercator sobre Linguas Minorizadas

Praza de técnico/a superior para o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Posted by trabalingua o 4/09/2006

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 22 de agosto de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para o acceso a diferentes prazas laborais desta institución. Os licenciados en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) poderán optar á praza de técnico/a superior do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns, 11 de setembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Posted in Emprego | Comentarios desactivados en Praza de técnico/a superior para o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Posted by trabalingua o 31/08/2006

Galicia e Castela e León colaborarán para reforzar o ensino da lingua galega no Bierzo e en Sanabria, polo que a Xunta se compromete a formar o profesorado e a ceder materiais didácticos, mentres que a Xunta castelán-leonesa concederá a autorización para impartir a materia nos centros docentes non universitarios que o soliciten e dotará de persoal os mesmos.

Así o recolle un protocolo de colaboración para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes do Bierzo e de Sanabria subscrito onte en Ponferrada entre a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; o seu homólogo da Xunta, Javier Álvarez Guisasola; e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Fonte: Galicia Hoxe

Posted in Ensino, Novidades | Comentarios desactivados en Castela e León impartirá galego nos centros non universitarios que o soliciten

Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego

Posted by trabalingua o 30/08/2006

Dezaseis colexios públicos participarán o vindeiro curso nun programa de potenciación do ensino en lingua galega en Educación Infantil, promovido pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegará a arredor de oitocentos nenos de entre tres e cinco anos.

Estes centros teñen cando menos dous grupos por curso, nun dos cales implantarase o ensino en galego. Para iso contan co acordo do claustro e do consello escolar. Ademais, cada pai decide no momento da matrícula en que clase quere escolarizar o seu fillo.

A normativa actual indica que os mestres han de dirixirse aos seus alumnos na súa lingua materna, así como impartir as clases no idioma maioritario do grupo, polo que en moitos centros xa se están impartindo clases en galego.

Con este proxecto, que podería ampliarse a máis colexios o vindeiro curso, preténdese fomentar o uso do galego nos centros educativos situados en zonas urbanas ou periurbanas, xa que é no rural onde predomina un maoor uso deste idioma na docencia, segundo indicou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quen presentou onte o proxecto aos medios.

Os centros educativos participantes recibirán da Consellería de Educación apoio para os docentes implicados a través dos centros de Formación do Profesorado, que proporcionarán asesoramento para a elaboración dos seus proxectos específicos e para o seu desenvolvemento. Ademais, Educación e Política Lingüística subministrarán aos centros materiais e recursos en lingua galega, e difundirán os materiais educativos producidos e as experiencias a través da Rede.

Fonte: El Correo Gallego

Posted in Ensino, Normalización, Novidades | Comentarios desactivados en Oitocentos alumnos de Infantil recibirán clases só en galego

La Sexta emitirá os partidos de liga en galego a través da TDT

Posted by trabalingua o 26/08/2006

Aquelas persoas que dispoñan de Televisión Dixital Terrestre poderán ver o partido de fútbol que retransmite La Sexta tamén en galego, conforme anunciou a cadea. No seu momento, Canal Satélite tamén emitía os partidos do Celta e do Deportivo coa posibilidade de escoller o galego. 

La Sexta emitirá o Campionato de Liga de Primeira División en castelán, catalán, eusquera e galego para todo o territorio do estado, a través de televisión dixital terrestre (TDT) en cumprimento da Lei Reguladora de Emisións e Retransmisións de Competicións e Acontecementos Deportivos. O inconveniente é que hai que dispoñer desta tecnoloxía, o que deixa fóra unha parte importante de Galiza, especialmente no interior. A vantaxe é que podes ver os partidos en galego en calquera parte do estado. Con todo, esta retransmisión multilingüe non será posíbel na primeira xornada.

Fonte: Galego.org

Posted in Deporte, Medios de comunicación, Novidades | Comentarios desactivados en La Sexta emitirá os partidos de liga en galego a través da TDT

X Encontros para a Normalización Lingüística

Posted by trabalingua o 23/08/2006

X Encontros para a NL.jpgAnúnciase a décima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 26 e 27 de outubro de 2006 no Auditorio de Galicia.

A partir de setembro porase á disposición dos/as interesados/as no web do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) o programa definitivo e o formulario de inscrición en liña, así como toda a información sobre os trámites da matrícula. 

Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Posted in Cursos e xornadas, Novidades | Comentarios desactivados en X Encontros para a Normalización Lingüística