TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Archive for the ‘Administración’ Category

O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito a usar o galego nas súas comunicacións coa cidadanía

Posted by trabalingua o 3/05/2009

cvriaO Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) recoñecerá o dereito da cidadanía a presentarlle cuestións en galego, catalán e éuscaro, ademais do resto das linguas oficiais dos 27, e a recibir as respostas no mesmo idioma. O secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido, e o secretario do TUE, Roger Grass, asinaron o acordo o pasado 27 de abril en Luxemburgo.

O Estado Español é o primeiro da Unión Europea que asina un memorando para facilitar o uso de todas as súas linguas oficiais ante o Tribunal de Xustiza, segundo destacou a secretaría de Estado para a UE. Este acordo súmase a outros semellantes para permitir o uso do galego, do catalán e do éuscaro co Consello, coa Comisión Europea e co Comité das Rexiones, asinado en 2005, e coa Eurocámara, co Comité Económico e Social Europeo e co Defensor do Pobo Europeo, en 2006.

O acordo comezarase a aplicar en canto a Oficina para as Linguas Oficiais de Política Territorial se faga cargo das traducións. Os custos directos ou indirectos correrán a cargo do goberno español. Para dirixirse na lingua propia ao Tribunal de Xustiza da UE haberá que remitir os escritos á devandita oficina, que traducirá a mensaxe ao castelán para que o Tribunal redacte, pola súa banda, a resposta nesa lingua e posteriormente a oficina a traduza á lingua orixinal.

Restricións
Porén, a posibilidade de comunicarse co órgano comunitario en galego, catalán e éuscaro non se aplicará aos escritos de carácter xurisdicional, aos que se refiran á aplicación dunha norma legal nin aos que teñan por obxecto obter unha subvención ou un beneficio, nin para ofrecer candidaturas a postos de traballo.

Fonte: Vieiros

Posted in Administración | Comentarios desactivados en O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito a usar o galego nas súas comunicacións coa cidadanía

O Consello de Europa segue a detectar deficiencias na promoción e protección do galego

Posted by trabalingua o 16/12/2008

celrm1O Consello de Europa acaba de facer público un segundo informe sobre o grao de cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias por parte do Estado español, que aprobou este documento en 1992 e posteriormente ratificouno en 2001.

 
No que respecta á promoción e protección da lingua galega, o Comité de Expertos do Consello de Europa céntrase naquelas disposicións nas que detectara deficiencias no primeiro informe. No ámbito educativo, eloxia a creación das Galescolas e apoia o novo Decreto 124/2007, mais sinala deficiencias no seu cumprimento e insta ás autoridades a crear un modelo educativo totalmente en galego para o alumnado que o desexe. Así mesmo sinala o incumprimento xeral dos mínimos asumidos polo Estado español no ámbito da xustiza e detecta deficiencias noutros ámbitos como a Administración, os medios de comunicación, a vida económica e social e os intercambios transfronteirizos.

 
Se desexa consultar os informes anteriores, tanto do Goberno español como do Consello de Europa, prema aquí.

Posted in Administración | Comentarios desactivados en O Consello de Europa segue a detectar deficiencias na promoción e protección do galego

Os secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as da administración local deberán acreditar un nivel Celga 4

Posted by trabalingua o 15/05/2008

O Consello da Xunta aprobou o pasado 8 de maio o decreto que regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados á escala de funcionarios/as con habilitación estatal no ámbito territorial galego. Isto é, secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as que prestan servizos nas entidades locais galegas.

Deste xeito, nas bases do concurso para a cobertura de postos reservados a funcionarios/as con habilitación estatal, e nas convocatorias para a provisión destes postos polo sistema de libre designación aprobadas polas entidades locais, exixirase como requisito o coñecemento do idioma galego.

Este coñecemento acreditarase co certificado de lingua galega de nivel 4 (Celga 4) ou, de non posuír o/a aspirante este certificado, cunha proba de carácter eliminatorio dun nivel equivalente a ese Celga 4.

Fonte: CTNL

Posted in Administración | Comentarios desactivados en Os secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as da administración local deberán acreditar un nivel Celga 4

Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

Posted by trabalingua o 5/05/2008

A Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo lanzaron a campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis, coa que se pretende explicar as vantaxes do plurilingüismo na educación e, no marco desta iniciativa, profesores/as de sociolingüística ofrecerán charlas divulgativas en centros de ensino primario e secundario, para docentes, para asociacións de pais e nais, ou para estudantes.

Como materiais informativos realizouse un sitio web: http://webs.uvigo.es/plurilinguismo/; o caderno As linguas no sistema educativo, o novo Decreto 124/2007; trípticos; carteis, etc.

A esta campaña pode sumarse calquera entidade, organización, etc., que o desexe, e pode facelo a través do web.

Nos materiais da campaña explícase en que consiste o ensino plurilingüe, as vantaxes da educación plurilingüe, o decreto 124/2007, os seus beneficios, etc.

Desde o web ofrécese a posibilidade de descargar carteis e trípticos para que as institucións que se adhiran á campaña poidan usalos incorporando os seus propios distintivos.

Fonte: CTNL

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Posted by trabalingua o 20/02/2008

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega, con carácter gratuíto, preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan para este ano un total de 366 cursos.

A convocatoria está dirixida a particulares e tamén a colectivos, entidades ou asociacións que desexen organizar cursos e conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas. O profesor no momento de iniciar o curso valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine Política Lingüística, en función das solicitudes presentadas e da distribución xeográfica destas.

A duración de cada curso será de 75 horas lectivas. Para poder obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar, entre maio e xuño e novembro e decembro, as probas correspondentes, segundo se fixo público no Diario Oficial de Galicia do día 18 de febreiro.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina unha contía máxima de 1.200. 000 euros para o financiamento destes cursos. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 20 de marzo.

Convocatoria de probas
As persoas interesadas en participar na convocatoria de probas prevista para os meses de maio e xuño teñen de prazo ata o 25 de marzo para inscribirse. A segunda convocatoria realizarase entre os meses de novembro e decembro. O prazo de inscrición para os que se examinen nesta quenda rematará o 19 de setembro. As solicitudes, datas e lugares de realización das probas figuran na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Cursos e xornadas, Ensino | Comentarios desactivados en Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Posted by trabalingua o 9/11/2007

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as primeiras probas oficiais para a obtención dos novos Certificados de Lingua Galega —Celga— nos niveis 1 e 4. Logo da entrada en vigor, o pasado 1 de setembro, deste novo sistema, no mes de decembro realizaranse os primeiros exames, correspondentes ao Celga 1 e ao Celga 4.

O prazo de inscrición para a proba do Celga 1 estará aberto ata o 16 de novembro, e o exame realizarase o 1 de decembro, a partir das nove da mañá. O prazo de inscrición para a proba do Celga 4 pecharase o 28 de novembro, e a data do exame é o 15 de decembro, tamén a partir das nove da mañá.

As probas realizaranse na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, e as persoas que formalicen a inscrición deberán indicar a localidade na que se van presentar. Os lugares concretos de realización dos exames indicaranse cando se fagan públicas as listas de admitidos e admitidas.

Información sobre os Celga

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Os rexistros civís de Galicia permitirán a inscrición en lingua galega grazas a unha nova aplicación informática

Posted by trabalingua o 22/10/2007

O Rexistro Civil da Coruña pon en marcha este luns a aplicación informática Inforeg 4, que vai permitir que os cidadáns que así o soliciten poidan inscribir en galego a declaración de nacemento dun fillo, un matrimonio ou calquera outro trámite sobre o seu estado civil.

Aínda que hai anos que os rexistros civís entregan certificacións bilingües de nacemento, matrimonio ou defunción, os libros estaban redactados exclusivamente en español e, consecuentemente, todas as inscricións se realizaban nesta lingua. Coa modificación do artigo 23 da Lei de Rexistro Civil, que obriga a este organismo á informatización e á inscrición na lingua oficial do territorio, esta situación pode ser mudada. No entanto, no da Coruña, onde o novo sistema xa levaba tempo en uso, a inscrición en galego non era posíbel porque a anterior versión do programa informático non era bilingüe.

A planificación do Ministerio de Xustiza, co que colabora a Consellaría de Presidencia, prevé que a informatización e a inscrición en galego nos Rexistros Civís de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol se realice de forma progresiva -unha semana cada un- a partir do vindeiro 29 de outubro.

A consellaría asumirá a formación para a posta en marcha da aplicación nos xulgados de primeira instancia dos demais partidos xudiciais.

Lei 12/2005, pola que se modifica o artigo 23 da Lei de Rexistro Civil

Fonte: Vieiros

Posted in Administración, Normalización, Tecnoloxía | Comentarios desactivados en Os rexistros civís de Galicia permitirán a inscrición en lingua galega grazas a unha nova aplicación informática

Os concellos galegos incrementan de xeito considerable o uso da lingua propia

Posted by trabalingua o 12/09/2007

A documentación remitida en galego polos concellos galegos á Xunta pasou do 26 por cento no 2000 ao 80 por cento no 2006.

O dato despréndese do segundo informe sobre a aplicación en España da Carta das Linguas Minorizadas, onde tamén se subliña que o galego é a lingua maioritaria dos plenos municipais e se restituíron, con algunhas “excepcións”, os topónimos orixinais do país. Precisamente, distintos membros do Comité de Expertos das Linguas Minorizadas están estes días en Galicia para contrastar o informe, nunha xira que inclúe entrevistas coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, ademais de encontros con distintas institucións e asociacións, como a Real Academia Galega ou a Mesa.

Fonte: El Correo Gallego

Posted in Administración, Normalización | Comentarios desactivados en Os concellos galegos incrementan de xeito considerable o uso da lingua propia

A Consellería de Presidencia publica as subvencións ás entidades locais para a normalización da lingua

Posted by trabalingua o 8/09/2007

A Consellería de Presidencia concede 799 000 euros a 118 entidades locais de Galicia para subvencionar a normalización da lingua galega. Así se recolle na edición do venres 7 de setembro do Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas axudas adoptan catro modalidades: o mantemento dos servizos municipais e provinciais de normalización lingüística xa existentes; a creación de novos servizos municipais e provinciais de normalización lingüística, debidamente xustificados e sempre que exista crédito suficiente; a organización de campañas e elaboración de publicacións co obxecto de lograr a normalización lingüística na entidade local; e o desenvolvemento de campañas de normalización e emprego do galego nos documentos e instrumentos ofimáticos empregados pola Administración local.

Os servizos municipais e provinciais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugués). Ademais, desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico coma no sociolingüístico.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Administración, Normalización, Subvencións | Comentarios desactivados en A Consellería de Presidencia publica as subvencións ás entidades locais para a normalización da lingua

Créase o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais

Posted by trabalingua o 23/07/2007

ministerio-de-administracions-publicas.jpgO Ministerio de Administracións Públicas publica no BOE do 19 de xullo de 2007 o Real decreto 905/2007, do 6 de xullo, polo que se crean o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais. 

O Consello das Linguas Oficiais terá encomendadas as seguintes tarefas:

1 Analizar sistematicamente as actuacións levadas a cabo polos diferentes departamentos ministeriais, especialmente polos máis directamente concernidos pola obriga de garantir o dereito de uso das linguas oficiais das comunidades autónomas.

2 Impulsar unha política idónea en relación coas linguas oficiais das comunidades autónomas que garanta axeitadamente o dereito de uso daquelas no ámbito de actuación da Administración Xeral do Estado.

3 Coordinar as actuacións dos departamentos ministeriais en relación co uso, no seu ámbito, das linguas oficiais das comunidades autónomas.

Para facilitar a actuación do Consello e como órgano permanente de apoio e asistencia a este, tamén se creará unha Oficina para as Linguas Oficiais, adscrita á Secretaría de Estado de Cooperación Territorial.

Posted in Administración | Comentarios desactivados en Créase o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais

A campaña “Xeración E logo!” pretende recuperar a transmisión familiar da lingua

Posted by trabalingua o 29/05/2007

xeracion-e-logo.jpgRecuperar a transmisión familiar da lingua galega entre pais/nais e os seus fillos e fillas. Con este obxectivo ponse en marcha a partir de hoxe mesmo a Xeración E logo!, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística encadrada na súa campaña xeral de promoción da lingua galega.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe en Santiago esta actuación, que consiste na entrega, a todas as mulleres en estado de xestación en Galicia, dunha serie de ferramentas dirixidas tanto a elas como aos futuros pais, con información, consellos, un pequeno caderno do embarazo, recitativos para o bebé e un disco con cantos de berce interpretados por músicos galegos. Prevese que os materiais cheguen a máis de 15.000 familias.

O Servizo Galego de Saúde será a canle de distribución destes materiais, a través da súa rede hospitalaria e dos centros de atención primaria de toda a comunidade nos que se realizan os controis prenatais. Tamén están incluídos na campaña, como distribuidores, os centros hospitalarios privados, para as mulleres que teñan neles os seus fillos. A corresponsabilidade da Consellería de Sanidade nesta iniciativa é fundamental para garantir que a mensaxe chegue aos destinatarios, e exemplifica a acción transversal da política lingüística do Goberno galego.

Os materiais desta campaña están dispoñibles para a descarga na páxina http://www.galegoelogo.com/

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración | Comentarios desactivados en A campaña “Xeración E logo!” pretende recuperar a transmisión familiar da lingua

O Parlamento aproba unha proposición non de lei para a normalización da Administración local

Posted by trabalingua o 14/05/2007

Os tres grupos parlamentarios aprobaron o pasado 9 de maio por unanimidade unha proposición non de lei para cumprir o establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega na Administración local. Segundo o texto desta proposición, “O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a adoptar as accións precisas para que no prazo máis breve posible se cumpra o Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito da Administración local”.

Entre as medidas propostas para esta administración destacan: garantir a denominación oficial dos topónimos; establecer o galego como lingua vehicular en todas as comunicacións; a formación lingüística do funcionariado; a oferta positiva en galego na atención á cidadanía; facer que os cargos públicos fagan uso oral e escrito do galego no desempeño da súa responsabilidade pública; ou a coordinación dos departamentos técnicos de normalización lingüística.

Posted in Administración, Normalización | Comentarios desactivados en O Parlamento aproba unha proposición non de lei para a normalización da Administración local

O galego é o idioma cooficial menos valorado para acceder ao funcionariado de habilitación estatal

Posted by trabalingua o 12/03/2007

Para ser secretario municipal, interventor ou depositario en Cataluña é obrigado acreditar un coñecemento notable do catalán. En Baleares e Valencia tamén puntúa a lingua propia, mentres no País Vasco é indispensable dominar o éuscaro. O galego, en cambio, non computa como mérito nas prazas de habilitación nacional publicadas por Administracións Públicas para os concellos.

Os municipios de Azpeitia, Basauri, Durango ou Mondragón, todos eles no País Vasco, son algúns dos que sacaron vacantes a concurso para dotarse de secretario ou interventor, segundo unha resolución ditada o 18 de maio do 2006 polo Ministerio de Administracións Públicas. Para concursar en todos eles era imprescindible acreditar o dominio do éuscaro e un coñecemento das leis propias, como o Estatuto, o réxime foral ou o concerto económico vasco.

A mesma resolución do Estado detalla os méritos que se valorarán para as vacantes en Galicia, entre os que figura o coñecemento da organización territorial, as leis propias, cursos, publicacións e experiencia docente, pero nada sobre a conveniencia de saber galego, o que facilita que titulados doutras comunidades poidan concursar en Galicia, mentres que os galegos tópanse de entrada coa barreira do idioma en Cataluña, País Vasco, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, xa que nas dúas últimas a lingua propia tamén puntúa como un mérito.

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Administración | Comentarios desactivados en O galego é o idioma cooficial menos valorado para acceder ao funcionariado de habilitación estatal

Política Lingüística distribúe o tradutor Es-Gl na Administración local

Posted by trabalingua o 11/02/2007

A Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciou estes días a distribución do tradutor castelán-galego Es-Gl en 319 puntos da Administración local de Galicia, dentro da acción iniciada hai meses para facerlle chegar esta ferramenta informática a todas as administracións e a outros organismos sociais e profesionais do país.

Os 315 concellos galegos e as catro deputacións provinciais disporán desde agora deste recurso tecnolóxico, que permite a tradución inmediata de documentos do castelán ao galego e que vén darlle cumprimento a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega. Este documento establece a necesidade de actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego dos funcionarios.

O tradutor ten unha alta calidade, xa que pode traducir 90 páxinas por minuto. O usuario debe revisar, con todo, os textos para asegurar a precisión na tradución.

Xunto co tradutor, Política Lingüística failles chegar tamén a concellos e deputacións a edición sectorial do Plan xeral de normalización da lingua galega referida á Administración, dicionarios e textos legais en galego referidos ás administracións públicas, neste último caso en colaboración coa Dirección Xeral de Administración Local.

O tradutor Es-Gl está xa presente en máis de 1000 puntos do sector da Xustiza, nos 140 departamentos e organismos dependentes da Administración periférica do Estado en Galicia e nos servizos centrais da Xunta de Galicia, a través da intranet. Proximamente o terán tamén os centros educativos.

Fonte: web da Xunta de Galicia

Posted in Administración | Comentarios desactivados en Política Lingüística distribúe o tradutor Es-Gl na Administración local