TRABALINGUA

Traballamos na lingua: sitio web de novas e información sobre a lingua galega

  • Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Campaña As Linguas Suman
  • Arquivo de novas

  • Letras Galegas 2009 Consultar o kit para a normalizacion Información sobre os Celga na páxina web de Politica Linguistica Consultar o Nomenclátor de Galicia Consultar a cartografá dos apelidos galegos. Proxecto elaborado polo Instituto da Lingua Galega
  • Documental de divulgación sobre a historia de Galicia emitido na TVG Este web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito a usar o galego nas súas comunicacións coa cidadanía

Posted by trabalingua o 3/05/2009

cvriaO Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) recoñecerá o dereito da cidadanía a presentarlle cuestións en galego, catalán e éuscaro, ademais do resto das linguas oficiais dos 27, e a recibir as respostas no mesmo idioma. O secretario de Estado para a Unión Europea, Diego López Garrido, e o secretario do TUE, Roger Grass, asinaron o acordo o pasado 27 de abril en Luxemburgo.

O Estado Español é o primeiro da Unión Europea que asina un memorando para facilitar o uso de todas as súas linguas oficiais ante o Tribunal de Xustiza, segundo destacou a secretaría de Estado para a UE. Este acordo súmase a outros semellantes para permitir o uso do galego, do catalán e do éuscaro co Consello, coa Comisión Europea e co Comité das Rexiones, asinado en 2005, e coa Eurocámara, co Comité Económico e Social Europeo e co Defensor do Pobo Europeo, en 2006.

O acordo comezarase a aplicar en canto a Oficina para as Linguas Oficiais de Política Territorial se faga cargo das traducións. Os custos directos ou indirectos correrán a cargo do goberno español. Para dirixirse na lingua propia ao Tribunal de Xustiza da UE haberá que remitir os escritos á devandita oficina, que traducirá a mensaxe ao castelán para que o Tribunal redacte, pola súa banda, a resposta nesa lingua e posteriormente a oficina a traduza á lingua orixinal.

Restricións
Porén, a posibilidade de comunicarse co órgano comunitario en galego, catalán e éuscaro non se aplicará aos escritos de carácter xurisdicional, aos que se refiran á aplicación dunha norma legal nin aos que teñan por obxecto obter unha subvención ou un beneficio, nin para ofrecer candidaturas a postos de traballo.

Fonte: Vieiros

Advertisement

Posted in Administración | Comentarios desactivados en O Tribunal de Xustiza da UE recoñece o dereito a usar o galego nas súas comunicacións coa cidadanía

III edición Lingua de Amor

Posted by trabalingua o 26/03/2009

linguadeamorO Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, presenta a terceira edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico. A principal novidade na edición deste ano é a inclusión dunha nova categoría que premiará as mellores cancións en galego con temática amorosa.

Toda a información canto ás bases, premios ou participación neste concurso pode ser consultada na páxina web linguadeamor.eu, onde ademais se poderán ir vendo os traballos presentados nesta edición e nas anteriores.

A data límite para enviar tanto as declaracións coma as cancións é o vindeiro 10 de maio.

 

Fonte: Linguadeamor.eu

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en III edición Lingua de Amor

O tradutor Google ofrece a opción do idioma galego

Posted by trabalingua o 4/02/2009

google-translateO servizo de tradución máis empregado na rede, o Google translate, vén de incorporar esta fin de semana o galego á súa listaxe de idiomas. Con todo, trátase dunha versión en probas e, polo momento, os resultados son mellorábeis.

 

O servizo de tradución de Google, a que se accede na páxina www.translate.google.com incorpórase á ampla variedade de tradutores que a día de hoxe temos á nosa disposición.

 

  • Traducíndote: tradutor baseado no opentrad e que permite traballar con documentos en diferentes formatos.
  • Imaxin: outro tradutor baseado no opentrad e que permite a tradución de documentos e páxinas web.
  • ES-GL: o tradutor da Secretaría Xeral de Política Lingüística
  • Traduza-g:ferramenta que só traduce na dirección español-galego, mais ofrece uns resultados de boa calidade.
  • Cervantes: tradución de textos breves e páxinas web do Instituto Cervantes


Na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes achar máis información sobre os tradutores, ademais dunha completa comparativa entre as súas funcionalidades.

Fonte: CTNL

Posted in Tecnoloxía | Comentarios desactivados en O tradutor Google ofrece a opción do idioma galego

O noso Nadal, galego e verde

Posted by trabalingua o 26/12/2008

O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e da Área de Medio Ambiente, elaborou a guía O noso Nadal, galego e verde, que ten por obxectivo principal promover entre a cidadanía un Nadal en galego e un Nadal verde.

A guía consta de dúas partes diferenciadas: a guía de galego e a guía verde. Na guía de galego é onde se ofrece información para vivir un Nadal integramente en galego e recuperar tradicións que se están a perder ou son descoñecidas entre a poboación xuvenil, como poden ser os cantares de Nadal ou algunhas receitas típicas galegas propias desta época. Por outra banda, tamén se dan algunhas suxestións para agasallar literatura, música ou novas tecnoloxías en galego.

Ademais a guía recolle cinco contos de Nadal, creados especialmente para esta ocasión por Anxos Sumai, Francisco Castro, Santiago Jaureguizar, Tamara Canosa e Victoria Rozados. Tamén se recollen dous contos tradicionais de H. C. Andersen: O Abeto e A nena dos mistos.

A guía distribuíuse de balde o domingo 21 de decembro xunto co xornal Galicia Hoxe, e agora pode consultarse a través do web dese xornal.

Fonte: CTNL

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O noso Nadal, galego e verde

O Consello de Europa segue a detectar deficiencias na promoción e protección do galego

Posted by trabalingua o 16/12/2008

celrm1O Consello de Europa acaba de facer público un segundo informe sobre o grao de cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias por parte do Estado español, que aprobou este documento en 1992 e posteriormente ratificouno en 2001.

 
No que respecta á promoción e protección da lingua galega, o Comité de Expertos do Consello de Europa céntrase naquelas disposicións nas que detectara deficiencias no primeiro informe. No ámbito educativo, eloxia a creación das Galescolas e apoia o novo Decreto 124/2007, mais sinala deficiencias no seu cumprimento e insta ás autoridades a crear un modelo educativo totalmente en galego para o alumnado que o desexe. Así mesmo sinala o incumprimento xeral dos mínimos asumidos polo Estado español no ámbito da xustiza e detecta deficiencias noutros ámbitos como a Administración, os medios de comunicación, a vida económica e social e os intercambios transfronteirizos.

 
Se desexa consultar os informes anteriores, tanto do Goberno español como do Consello de Europa, prema aquí.

Posted in Administración | Comentarios desactivados en O Consello de Europa segue a detectar deficiencias na promoción e protección do galego

Convocatoria de cursos preparatorios para obter os celga no 2009

Posted by trabalingua o 3/12/2008

celga.jpg

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública unha nova convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, dirixidos a particulares (adultos) e a colectivos de Galicia, durante o ano 2009.

 

A convocatoria inclúe un total de 250 cursos de lingua galega, con carácter voluntario e gratuíto. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas, agrupándoas preferentemente por bisbarras.

 

 

                                                    Cursos ofertados                    Solicitude individual                    Solicitude colectivo

 

Posted in Ensino | Comentarios desactivados en Convocatoria de cursos preparatorios para obter os celga no 2009

Vocabulario multilingüe de economía

Posted by trabalingua o 6/11/2008

vocabulariomultilingueecoO mundo da economía, a contabilidade e as finanzas conta cun novo recurso de consulta aberta na rede, o Vocabulario multilingüe de economía, desenvolvido por un equipo de investigación de universidades de Cataluña, Euscadi, Galicia e Holanda. A obra, que forma parte do proxecto de investigación RICOTERM-2, presenta unha interface de consulta sinxela e permite a procura directa dun termo ou rastrexar a través dunha listaxe alfabética. O seu corpus rolda as 4000 entradas para o caso do idioma galego.
 
 
 
 

 

Posted in Terminoloxía | Comentarios desactivados en Vocabulario multilingüe de economía

Versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice en galego

Posted by trabalingua o 24/10/2008

openofficeA versión 3.0 do paquete ofimático libre OpenOffice.org xa está dispoñíbel en galego. O software pódese descargar para Windows, MacOS, Linux e Solaris dende todos os servidores de réplica de OpenOffice, entre eles o de Mancomún, que ofrece, ademais, unha listaxe de ligazóns para facer máis doada a instalación.

OpenOffice.org 3.0 traduciuse grazas ao traballo de voluntarios coordinados por Mancomún e xa se completara na última edición de Xuventude Galiza Net. A nova versión inclúe melloras e novas funcións, aínda que tamén pesa máis: arredor de 150 megas.

Fonte: Vieiros

Posted in Tecnoloxía | Comentarios desactivados en Versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice en galego

Glosario de termos xurídicos

Posted by trabalingua o 30/09/2008

casGlosario castelán-galego de termos xurídicos dubidosos é o título da obra de consulta que o Colexio de Avogados de Santiago acaba de subir ao seu web. A obra, realizada por Martín Ramos Insua, achega versións galegas a termos desta linguaxe especializada coma coadxuvante ou verificación da suficiencia. O glosario, que pode consultarse directamente na rede e descargarse en formato pdf, será publicado no vindeiro número da revista Avogacía Compostelá, na sección Ao pé da letra.

 

Fonte: Culturagalega.org

Posted in Normalización, Terminoloxía | Comentarios desactivados en Glosario de termos xurídicos

Os secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as da administración local deberán acreditar un nivel Celga 4

Posted by trabalingua o 15/05/2008

O Consello da Xunta aprobou o pasado 8 de maio o decreto que regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados á escala de funcionarios/as con habilitación estatal no ámbito territorial galego. Isto é, secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as que prestan servizos nas entidades locais galegas.

Deste xeito, nas bases do concurso para a cobertura de postos reservados a funcionarios/as con habilitación estatal, e nas convocatorias para a provisión destes postos polo sistema de libre designación aprobadas polas entidades locais, exixirase como requisito o coñecemento do idioma galego.

Este coñecemento acreditarase co certificado de lingua galega de nivel 4 (Celga 4) ou, de non posuír o/a aspirante este certificado, cunha proba de carácter eliminatorio dun nivel equivalente a ese Celga 4.

Fonte: CTNL

Posted in Administración | Comentarios desactivados en Os secretarios/as, interventores/as e tesoureiros/as da administración local deberán acreditar un nivel Celga 4

Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

Posted by trabalingua o 5/05/2008

A Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo lanzaron a campaña Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis, coa que se pretende explicar as vantaxes do plurilingüismo na educación e, no marco desta iniciativa, profesores/as de sociolingüística ofrecerán charlas divulgativas en centros de ensino primario e secundario, para docentes, para asociacións de pais e nais, ou para estudantes.

Como materiais informativos realizouse un sitio web: http://webs.uvigo.es/plurilinguismo/; o caderno As linguas no sistema educativo, o novo Decreto 124/2007; trípticos; carteis, etc.

A esta campaña pode sumarse calquera entidade, organización, etc., que o desexe, e pode facelo a través do web.

Nos materiais da campaña explícase en que consiste o ensino plurilingüe, as vantaxes da educación plurilingüe, o decreto 124/2007, os seus beneficios, etc.

Desde o web ofrécese a posibilidade de descargar carteis e trípticos para que as institucións que se adhiran á campaña poidan usalos incorporando os seus propios distintivos.

Fonte: CTNL

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Campaña “Europa é plurilingüe. Quen sabe galego sabe máis”

O colexio de avogados compostelán maniféstase a prol do galego na xustiza

Posted by trabalingua o 3/05/2008

En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de Xustiza, e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, a Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago quere recordar que os profesionais da demarcación «avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada». Asemade, apostan por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da Xustiza co fin de acadar «a normalización efectiva da nosa lingua».

Os letrados de Santiago de Compostela defenden tamén a eliminación de todos os obstáculos «que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional», ao tempo que rexeitan «expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica».

O comunicado do Colexio de Avogados que preside Evaristo Nogueira Pol remata apostando por contribuír «ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso ese reto».

O Colexio de Avogados de Santiago ofrece o seu apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos». Neste senso, consideran especialmente correcta a actuación da maxistrada Ana López-Suevos Fraguela, ao tempo que solicitan «unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados».

Ver comunicado

Fonte: La Voz de Galicia

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en O colexio de avogados compostelán maniféstase a prol do galego na xustiza

O Windows Vista e o Office 2007 tamén en galego

Posted by trabalingua o 10/04/2008

Microsoft ofrece a todos os usuarios que o desexen a posibilidade de empregar o galego como lingua principal na interface dos seus ordenadores. Descárgaas en http://www.microsoft.es/gal  

Pódese descargar de balde a interface do Windows Vista en galego e as librerías de galego do Office 2007. Tamén están dispoñibles as opcións de galego das versións anteriores: Windows XP e as versións 2003 de Office.

Ademais, xunto con esta nova aplicación en galego, Microsoft presentou a campaña “Faille un clic ao galego“, que busca fomentar o noso idioma e o aumento da produtividade a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. A campaña de difusión inclúe un concurso no que os 6 usuarios que consigan un maior número de descargas desde o día 9 de abril ao 9 de maio por medio doutros usuarios entrarán no sorteo de ordenadores de última xeración das marcas Dell, HP ou Investrónica con Windows Vista en galego e outros premios.

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Tecnoloxía | Comentarios desactivados en O Windows Vista e o Office 2007 tamén en galego

Lingua de Amor 2008

Posted by trabalingua o 7/04/2008

O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, presenta a segunda edición de Lingua de Amor, un concurso de declaracións de amor a través do correo electrónico.

Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros… O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e… por que non? Tamén para formar parellas!

Establécense dúas categorías de participantes: Categoría A: de 14 a 19 anos; Categoría B: de 20 a 30 anos

Para poder participar as persoas interesadas deberán rexistrarse na páxina web www.linguadeamor.eu para poder enviar as súas declaracións. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. As mensaxes que excedan esta extensión quedarán fóra do concurso. Así mesmo, establecerase un máximo de dúas mensaxes por concursante.

A data límite para o envío das declaracións é o 14 de maio de 2008.

Establécense tres premios por cada unha das categorías: Categoría A: 1º Consola Nintendo wii + un lote de libros en galego; DVD portátil + un lote de libros en galego; MP3 + un lote de libros en galego. Categoría B: 1º Viaxe a París para dúas persoas + un lote de libros en galego; 2º Ordenador portátil + un lote de libros en galego; 3º TV LCD 19” + un lote de libros en galego

Ademais, os 200 primeiros/as participantes recibirán un agasallo por cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultar as bases do concurso

Fonte: web linguadeamor.eu

Posted in Normalización | Etiquetado: | Comentarios desactivados en Lingua de Amor 2008

V Certame Literario Concello de Ames

Posted by trabalingua o 31/03/2008

v-certame-literario-ames.jpgO Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a quinta edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.O prazo de presentación de orixinais remata o 12 de abril de 2008.

Consultar a convocatoria

Fonte: web do CDSG

 

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en V Certame Literario Concello de Ames

IV Premio a artigos normalizadores Concello de Carballo

Posted by trabalingua o 31/03/2008

1015-34560-a-imaxe_premio_08_200.jpgO Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca por cuarto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o uso da nosa lingua na prensa escrita.

O certame recompensa a redacción de artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten sobre algún tema concreto relacionado coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, con propostas ou análises sobre o proceso de normalización lingüística, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con accións de impulso ao uso social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística, etc.

Os artigos presentados deberán ter entre 2.500 e 3.500 caracteres con espazos incluídos e o prazo de admisión estará aberto até o 18 de abril.

Outorgaranse dous premios económicos, un primeiro de 1.000 euros e un segundo de 350 euros. Ademais, os dous artigos gañadores serán publicados nos nove medios de comunicación escrita colaboradores, que son: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer, Tempos Novos e Vieiros.

Consultar as bases

Fonte: web da CTNL

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en IV Premio a artigos normalizadores Concello de Carballo

Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Posted by trabalingua o 20/02/2008

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha nova convocatoria de cursos de lingua galega, con carácter gratuíto, preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan para este ano un total de 366 cursos.

A convocatoria está dirixida a particulares e tamén a colectivos, entidades ou asociacións que desexen organizar cursos e conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas. O profesor no momento de iniciar o curso valorará os coñecementos previos do alumnado e, se fose conveniente, indicaralle o nivel máis aconsellable para os seus coñecementos. Os cursos realizaranse nas localidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Lalín e Vigo e naquelas que determine Política Lingüística, en función das solicitudes presentadas e da distribución xeográfica destas.

A duración de cada curso será de 75 horas lectivas. Para poder obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar, entre maio e xuño e novembro e decembro, as probas correspondentes, segundo se fixo público no Diario Oficial de Galicia do día 18 de febreiro.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina unha contía máxima de 1.200. 000 euros para o financiamento destes cursos. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 20 de marzo.

Convocatoria de probas
As persoas interesadas en participar na convocatoria de probas prevista para os meses de maio e xuño teñen de prazo ata o 25 de marzo para inscribirse. A segunda convocatoria realizarase entre os meses de novembro e decembro. O prazo de inscrición para os que se examinen nesta quenda rematará o 19 de setembro. As solicitudes, datas e lugares de realización das probas figuran na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Cursos e xornadas, Ensino | Comentarios desactivados en Convocatoria de probas e cursos preparatorios para obter os Celga no ano 2008

Convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua

Posted by trabalingua o 11/01/2008

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública unha nova convocatoria de axudas ás entidades privadas sen fin de lucro, que desenvolvan actividades destinadas a incrementar o uso social do galego.

A familia, a infancia, a mocidade e o lecer son ámbitos de actuación prioritarios á hora da concesión destas axudas. Reforzar e incrementar a transmisión xeracional do galego, ampliar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer, vincular a utilización da lingua con ámbitos de prestixio e modernidade, fomentar o uso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación ou traballar as actitudes positivas cara á lingua galega son algúns dos obxectivos desta convocatoria de subvencións, que se recollen, ademais, no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Cada entidade poderá presentar un único proxecto e o prazo para a recepción de solicitudes estará aberto ata o 5 de febreiro. Política Lingüística destina unha contía máxima inicial de 850.000 euros.

Ver máis información no DOG do 4 de xaneiro de 2008

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Subvencións | Comentarios desactivados en Convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua

A campaña “Avogamos polo galego” buscará incrementar o uso do idioma propio de Galicia por parte da avogacía de Compostela

Posted by trabalingua o 10/11/2007

O pasado 8 de novembro tivo lugar a presentación da primeira campaña de promoción da nosa lingua que se organiza desde a avogacía institucional. A campaña “Avogamos polo galego” presentouse no salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela con grande éxito de asistencia de profesionais da lingua e do dereito e foi acompañada da celebración dunha xornada de reflexión sobre o uso da nosa lingua no ámbito xurídico.

Nun acto previo, que contou co práctico pleno do aforo do local, o decano do propio colexio, Evaristo Nogueira Pol, xunto coa secretaria xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez presentaron os materiais cos que vai contar esta campaña. Ambos os dous destacaron, principalmente, a importancia de contribuír á xusta normalización do idioma no ámbito da avogacía e á necesidade de ofrecer mediante as políticas adaptadas ao sector, os medios necesarios para poder acadar este reto.

Na campaña presentouse, entre outros materiais, un tríptico informativo que contén unha declaración positiva cara ao galego e unha compilación de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza. Outro dos produtos da campaña foi a presentación dun banner que a partir de hoxe vai aparecer na páxina web do colexio e que ademais todos os letrados e letradas poderán levar tamén ás páxinas dos seus despachos. En canto á súa incidencia, agárdase que a campaña chegue a todos espazos vinculados á xustiza na cidade compostelá, como aos despachos, aos xulgados e á Escola de Práctica Xurídica, entre outros.

Os dous actos, que forman parte do programa de dinamización lingüística que está a desenvolver o Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, teñen como finalidade incidir no fomento do uso do galego por parte da avogacía de Compostela.

Fonte: Avogacia.org

Posted in Normalización | Comentarios desactivados en A campaña “Avogamos polo galego” buscará incrementar o uso do idioma propio de Galicia por parte da avogacía de Compostela

Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Posted by trabalingua o 9/11/2007

celga.jpgA Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as primeiras probas oficiais para a obtención dos novos Certificados de Lingua Galega —Celga— nos niveis 1 e 4. Logo da entrada en vigor, o pasado 1 de setembro, deste novo sistema, no mes de decembro realizaranse os primeiros exames, correspondentes ao Celga 1 e ao Celga 4.

O prazo de inscrición para a proba do Celga 1 estará aberto ata o 16 de novembro, e o exame realizarase o 1 de decembro, a partir das nove da mañá. O prazo de inscrición para a proba do Celga 4 pecharase o 28 de novembro, e a data do exame é o 15 de decembro, tamén a partir das nove da mañá.

As probas realizaranse na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, e as persoas que formalicen a inscrición deberán indicar a localidade na que se van presentar. Os lugares concretos de realización dos exames indicaranse cando se fagan públicas as listas de admitidos e admitidas.

Información sobre os Celga

Fonte: web de Política Lingüística

Posted in Administración, Ensino | Comentarios desactivados en Primeira convocatoria de probas para obter o Celga 1 e o Celga 4

Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalización lingüística

Posted by trabalingua o 8/11/2007

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación que ten como principal obxectivo facilitar procedementos, ferramentas e estratexias comunicativas que faciliten a promoción e difusión de actividades de normalización lingüística.

O curso desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC os días 23 e 30 de novembro e 14 de decembro de 2007. O prazo de preinscrición remata o 15 de novembro.

Fonte: CDSG

 

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en Curso de comunicación e mercadotecnia para accións de normalización lingüística

Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”

Posted by trabalingua o 23/10/2007

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”.

Esta xornada, destinada ao mundo da avogacía e da xustiza en xeral, terá lugar o xoves 8 de novembro de 2007, ás 18:30 h no Salón de actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. O aforo máximo é de 80 prazas e entregaráselles un certificado de asistencia a todas as persoas asistentes.

Un dos obxectivos principais desta xornada é reflexionar acerca do proceso de normalización que se está a vivir no ámbito da xustiza, así como ofrecer experiencias positivas e novas perspectivas que favorezan o uso normal da lingua galega no exercicio xurídico.

Ese mesmo día, ás 18:30 h terá lugar a presentación aos medios da campaña “Avogamos polo galego”, para o que se contará coa presenza do decano do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Evaristo Nogueira Pol, e da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

Díptico               Boletín de inscrición                 Cartel

Fonte: web do Colexio de Avogados de Santiago

Posted in Cursos e xornadas | Comentarios desactivados en Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”

Os rexistros civís de Galicia permitirán a inscrición en lingua galega grazas a unha nova aplicación informática

Posted by trabalingua o 22/10/2007

O Rexistro Civil da Coruña pon en marcha este luns a aplicación informática Inforeg 4, que vai permitir que os cidadáns que así o soliciten poidan inscribir en galego a declaración de nacemento dun fillo, un matrimonio ou calquera outro trámite sobre o seu estado civil.

Aínda que hai anos que os rexistros civís entregan certificacións bilingües de nacemento, matrimonio ou defunción, os libros estaban redactados exclusivamente en español e, consecuentemente, todas as inscricións se realizaban nesta lingua. Coa modificación do artigo 23 da Lei de Rexistro Civil, que obriga a este organismo á informatización e á inscrición na lingua oficial do territorio, esta situación pode ser mudada. No entanto, no da Coruña, onde o novo sistema xa levaba tempo en uso, a inscrición en galego non era posíbel porque a anterior versión do programa informático non era bilingüe.

A planificación do Ministerio de Xustiza, co que colabora a Consellaría de Presidencia, prevé que a informatización e a inscrición en galego nos Rexistros Civís de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol se realice de forma progresiva -unha semana cada un- a partir do vindeiro 29 de outubro.

A consellaría asumirá a formación para a posta en marcha da aplicación nos xulgados de primeira instancia dos demais partidos xudiciais.

Lei 12/2005, pola que se modifica o artigo 23 da Lei de Rexistro Civil

Fonte: Vieiros

Posted in Administración, Normalización, Tecnoloxía | Comentarios desactivados en Os rexistros civís de Galicia permitirán a inscrición en lingua galega grazas a unha nova aplicación informática